A sede da Asociación de Familiares de Personas con Discapacidad Intelectual de Valdeorras, Asfaval, acollía neste 22 de setembro un taller de saúde bucodental para os seus usuarios. Estaba impartido pola hixienista do Centro de Saúde do Barco, Yolanda Fernández, quen destacaba a importancia de coidar a saúde e a hixiene bucodental nestas persoas. “Non se pode deixar nun segundo plano esa necesidade, ter unha boa hixiene dental e unha boa saúde é fundamental. Eles teñen barreiras físicas e cognitivas e vailles custar máis realizar esa hixiene, polo tanto necesitan un apoio que pode ser parcial ou ben total, dependendo de cada persoa”.
A hixienista, que xa é a terceira vez que imparte un obradoiro deste tipo en Asfaval, incidía na relevancia de realizar un bo cepillado cando menos sempre despois do almorzo e da cea, xa que iso permite evitar infeccións que, ademais poden causar dor e molestias.
Tamén lembraba que é moi importante intentar evitar o consumo de azucres innecesarios nas dietas e aconselláballes que bebesen “moita auga porque a medicación que acostuman tomar afecta á produción de saliva e soen ter a boca seca e, nesa situación as bacterias que producen a caries proliferan máis, non hai esa lubricación, entón todo avanza máis rápido. Polo tanto, beber moita auga mitiga a situación e sensación de boca seca, de boca que queima e tamén evita que os azucres non queden aí tan pegados”.
Yolanda Fernández valoraba de maneira moi positiva a receptividade e acollida deste obradoiro, que dá os seus froitos. “Este é a terceira vez que vou e xa noto que moitos cambiaron algún hábito que tiñan, que interactúan moito e lembran consellos como que hai que botar pouca pasta no cepillo, cepillar ben por todos os lados ou que se sangra a encía, hai que masaxeala, así que estou moi contenta do resultado”, asegura.
Fotos cedidas.