En portadaÚltima horaVídeos

Gabriel Alén destaca no Barco o papel dos centros comerciais abertos para potenciar a competitividade do comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo visitaba Trío's e Zapatería Moral, dous establecementos beneficiarios das axudas da Xunta

 

No mediodía deste mércores 23 de setembro, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitaba dous comercios no Barco de Valdeorras: a tenda de roupa Tríos 2.0 e Zapatería Moral, onde aproveitou a ocasión para poñer en valor distintos apoios da Xunta de Galicia para potenciar a competitividade do comercio local e o papel dos centros comerciais abertos como o do Barco de Valdeorras -ao que pertencen os establecementos visitados- neste cometido.

 

 

Tras un tempo sen vir a un territoiro que recoñeceu aprezar moito, Alén visitaba o comercio local do Barco, acompañado polo presidente do CCA O Barco, Jacobo Arias. “Un comercio potente que se transforma e moderniza, que é o que queremos dende a Dirección Xeral de Comercio con ese plan estratéxico creado e aprobado hai ano e medio”, dixo, destacando que pode aprezarse tanto en Trío’s como en Zapatería Moral, “dous comercios que se achegan á orde de axudas que temos anualmente”.

 

 

Entre as achegas autonómicas referiuse ás destinadas a impulsar a innovación e a sostibilidade, coas que na convocatoria deste 2026 o Goberno galego apoia con case 4 M€ un total de 792 negocios, 73 deles na provincia de Ourense, e das que Tríos 2.0 é beneficiaria. “Xa se está traballando na orde do ano que vén para que a partir do 4 de xaneiro cada comercio que o precise se poida modernizar tal como fixo Trío’s co aire acondicionado, fio musical,… á aparte da dixitalización. Son axudas de ata o 80%, ata 15.000 euros para obras de acondicionamento do local e ata 15.000 tamén para a dixitalización ou para as bolsas recicladas, no eido da sostentabilidade ambiental, con achegas de ata 2.000 euros”, dixo Gabriel Alén.

 

 

Tamén se referiu ás axudas para impulsar a actividade dos centros comerciais abertos, que este ano distribuíron máis de 2,35 M€ entre 56 entidades de toda Galicia, arredor de 263.000 euros deles na provincia de Ourense, na que entre as entidades beneficiarias está o CCA do Barco de Valdeorras. A eles súmanse outros consolidados como o Bono Activa Comercio, iniciativa na que ambos comercios visitados hoxe teñen participado, ou a actuación pioneira de comercio de atracción Vilas Vivas, impulsada de xeito piloto en Ribadavia en colaboración co Concello e orientada á recuperación da actividade comercial do casco histórico mediante a rehabilitación de baixos en desuso.

Fotos e vídeo: O SIL.

Back to top button