Agora si. Despois de 36 anos no Hospital Público de Valdeorras, no Barco, como auxiliar administrativa, a ruesa Rosa María González Fernández xubilábase o 9 de setembro e o día 11 organizaba unha petiscada para despedirse dos seus compañeiros no propio hospital, pero non era ata hoxe cando se despedía de xeito máis oficial, cun concorrido xantar.
No mediodía deste venres 25 de setembro, xuntábanse no restaurante Fernando III do Barco, unhas corenta persoas, amigos e compañeiros tanto actuais como anteriores cos que Rosa Mari compartiu moitos momentos ao longo de máis tres décadas, para desexarlle unha feliz xubilación.

Facíano, compartindo con ela un rico menú antes de entregarlle unha manchea de agasallos, mostra do moito que a queren e aprezan. “Regaláronme moitas cousas”, dicía emocionada. “Un xogo de gargantilla, pulseira e pendientes precioso; un reloxo, un gran xoieiro, espectacular; unha fin de semana nun Spa en Sanxenx; e unha cesta cun montón de produtos gourmet”.
Entre risas, agasallos e conversas todos brindaban pola nova etapa que comezou xa para Rosa Mari.



Fotos: O SIL e cedidas.