Apenas quedan uns días para que bote a andar Portorixe, a empresa especializada na xestión e dirección de actividades físicas e socio-deportivas creada no Bolo polos irmáns Iván e Óscar Porto. E será tamán cando comece a competición para o equipo de fútbol sala que eles mesmos crearon, tamén no concello bolés.
O Bolo FS é o novo equipo sénior que formará parte do grupo de segunda división da Segunda Futgal FS de Ourense, que comezará a liga vindeiro 3 de outubro. Cun plantel de 15 xogadores, tiñan un amigable este sábado 26 de setembro no pavillón municipal do Bolo, aínda que o primeiro partido no que se enfrontarán ao Concello de Coles FS, xogarano no pavillón Victorino Núñez da Rúa.

“Estamos en trámites para reparar o do Bolo”, explica Iván, quen ademais de xogar, forma parte da directiva xunto ao seu irmán Óscar, a Adrián Vila e Miguel Fernández (estes tres tamén xogan) e Mayra Martínez. Augusto Vila é o delegado e completan o plantel: Roberto Porto, Fernando Vila, Albino Caperán, Íker López, Víctor García, Anxo Rodríguez, Pablo Martínez, Alejandro Murias, Cristian Arias, Óscar Caperán e Liberto Samper. Iván e Óscar son ademais os encargados dos adestramentos.
Tal como explican dende o club, o Bolo FS nace “da ilusión de moitas persoas que durante anos soñaron con ter un equipo que representase o noso concello, coa ilusión de quen sempre quixo vivir o fútbol desde aquí e coa ilusión de demostrar que en O Bolo tamén temos ganas, forza e moito que dicir”. Recoñecen e ben seguro que é certo, que crear este equipo non foi doado. “Detrás hai moito esforzo, moitas horas, moito traballo e, sobre todo, moitas ganas de facer realidade algo que nunca antes tiveramos a oportunidade de facer: ter un equipo propio que leve o nome de O Bolo por onde vaia”.

Aseguran que non nace simplemente para competir, senón “para xuntar”, para que “cada semana haxa unha escusa para saír da casa, achegarse ao pavillón, atoparse coa xente, animar, rir, celebrar e desfrutar xuntos dun partido”, destacando que queren eremos poñer O Bolo no mapa, “levar o noso nome con orgullo e demostrar que un concello pequeno tamén pode ter grandes ilusións e grandes proxectos”.
A liga comezará en outubro e rematará o 1 de maio de 2027, e nestes meses enfrontaranse a trece equipos, entre eles o filial do Pizarras Tres Cuñados FS do Barco, o do Internacional Ribeira Sacra ou o da Gudiña Fútbol Sala.
Pódese seguir ao equipo no perfil de Instagram.
Fotos cedidas.