
Entender os procesos emocionais durante a infancia e adquirir pautas efectivas para xestionar as situacións complexas do día a día. Estes serán eixos centrais da xornada “Rabietas, límites e acompañamento emocional”, que se celebrará o vindeiro sábado 17 de outubro de 2026 ás 16.00 horas. Está organizada pola Asociación De Nai a Nai e terá lugar no Salón de Actos do Edificio Multiusos (terceiro andar) do Barco de Valdeorras, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade. Esta sesión vai dirixida a familias e a todas aquelas persoas que participan na educación e no acompañamento de nenos e nenas.
As rabeitas “constitúen un proceso natural e inevitable no desenvolvemento evolutivo das nenas e nenos; con todo, a súa xestión cotiá adoita xerar dúbidas, frustración e desgaste na contorna familiar. Ao longo da xornada abordarase en profundidade que sucede a nivel neurobiolóxico e emocional no cerebro infantil cando un menor se desregula, permitindo aos asistentes comprender a orixe subxacente destas manifestacións conductuais”, tal e como indican dende De Nai a Nai.
O relatorio principal estará a cargo de Lucía García Rodríguez, psicóloga e fundadora de Calma o Caos, un proxecto especializado no acompañamento integral a familias en áreas clave como a crianza, o soño infantil, o establecemento de límites e a regulación emocional. A través dunha perspectiva pragmática, empática e conectada coa realidade cotiá dos fogares, a relatora ofrecerá recursos concretos para actuar de forma efectiva antes e durante os momentos de crises. Esta experta combina a súa sólida traxectoria técnica en psicoloxía coa súa experiencia vital como nai de dous nenos, o que outorga á súa metodoloxía unha mirada transparente, honesta e adaptada ás necesidades reais de cada estrutura familiar.
O obxectivo fundamental da charla é, segundo adianta a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada, “transmitir que o establecemento de límites firmes e claros é plenamente compatible co respecto, a empatía e a seguridade afectiva”. Durante a sesión presentaranse estratexias dirixidas a:
• Analizar os factores desencadeantes e comprender as dinámicas internas do cerebro infantil fronte á frustración ou a sobrecarga emocional.
• Implementar ferramentas de intervención directa para xestionar os momentos de perrencha sen recorrer a berros, castigos nin dinámicas autoritarias.
• Soster os límites educativos desde unha postura de calma privado, contención emocional e firmeza afectiva.
A actividade está organizada pola asociación De nai a nai e conta co cofinanciamento do Concello do Barco de Valdeorras, no marco das súas accións para apoiar o benestar familiar e ofrecer espazos de formación comunitaria sobre infancia e crianza.