PolíticaÚltima hora

O PP reclama desde O Barco un cambio de goberno que desbloquee as infraestruturas de Valdeorras

O presidente provincia deste partido, Luis Menor, pide “máxima intensidade” nos cinco días que restan ata o 29N e marca como obxectivo que Ourense sexa a provincia que máis apoio lle dea a Feijóo en toda España

 

O PP de Ourense reclamaba esta tarde de 24 de novembro nun mitin celebrado no Teatro Lauro Olmo do Barco un cambio de goberno que chegue tamén a Valdeorras e permita desbloquear as infraestruturas que a comarca leva anos agardando. O presidente provincial, Luis Menor, participaba neste acto xunto á cabeza de lista ao Congreso, Ana Belén Vázquez, e a Celso Delgado e Xosé Manuel Merelles, así como xunto á candidata popular á alcaldía do Barco, Teresa García.

A cinco días das eleccións do 29N, Menor pediu “máxima intensidade” para poñer fin ao que cualificou de “oito anos de absoluto esquecemento de Ourense por parte de Sánchez”. O presidente provincial criticou tamén a incapacidade do BNG para defender os intereses da provincia e chamou a concentrar o voto no PP para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa. “As enquisas dannos ánimo, pero só iso: ánimo. Aquí non hai nada gañado”, advertiu.

 

 

Menor lembrou que o PP obtivo no Barco o 48,5 % dos votos nas xerais de 2023 e o 51,7 % nas autonómicas de 2024. Con eses resultados como referencia, marcou o obxectivo para o domingo. “Quero que Ourense sexa a provincia que máis apoio lle dea a Alberto Núñez Feijóo en Galicia e en toda España”. O presidente provincial apelou á mobilización de militantes e simpatizantes e reivindicou o compromiso de cumprir coa palabra dada: “Os votos pídense e logo devólvense cumprindo as promesas”.

 

 

Ana Belén Vázquez sitúa o 29N como o inicio dunha nova etapa

Antes do mitin, Ana Belén Vázquez compareceu ante os medios para denunciar os incumprimentos do Goberno de Sánchez coa comarca e reclamou a necesidade de mudar a situación na Moncloa para poder desbloquear as infraestruturas e proxectos pendientes e nedesarios para Valdeorras. A cabeza de lista ao Congreso afirmou que o 29N se votará para “reverter a decadencia que hipoteca o futuro de España”.

“Necesitamos un cambio ou non haberá volta atrás. Esta é a última semana do sanchismo. O domingo comeza a reconstrución nacional. Non imos fallar”, afirmou Vázquez.

 

 

Celso Delgado denuncia os atrasos na circunvalación do Barco e na A-76

Celso Delgado destacou a contribución decisiva de Valdeorras ao crecemento económico da provincia e denunciou que ese peso non se corresponde cos investimentos do Estado na comarca. Como exemplo, sinalou a circunvalación do Barco, unha obra de cinco quilómetros que, segundo indicou, segue no 69 % de execución sete anos despois da colocación da primeira pedra. Delgado lembrou que debía estar rematada en setembro de 2022 e denunciou que continúa sen data de finalización.

O candidato ao Congreso criticou tamén que, malia os compromisos anunciados, o primeiro tramo da autovía A-76 continúe sen licitar. Esa demora, explicou, mantén a comarca dependente da N-120 para a súa conexión con Ourense, nunha estrada que require reparacións recorrentes e na que seguen pendentes de licitación os carrís de adiantamento previstos entre Os Peares e Ourense.

 

 

En materia ferroviaria, Delgado lembrou que a supresión da parada matinal na estación de alta velocidade da Gudiña impediu durante practicamente un ano que a veciñanza de Valdeorras, Verín ou Viana puidese viaxar a Madrid pola mañá e regresar no mesmo día. Reivindicou as iniciativas parlamentarias do PP e o seu apoio á plataforma que reclamou a recuperación do servizo. Tamén denunciou a antigüidade do material que Renfe emprega no único servizo rexional entre Ourense e Ponferrada e os atrasos, cancelacións e transbordos a autobús que sofren os seus usuarios.

Delgado reivindicou o “potencial da lousa, do comercio, do viño, da castaña e do sector forestal e defendeu que o cambio de goberno debe traducirse en investimentos acordes coa actividade económica de Valdeorras”.

 

 

Merelles reivindica a coordinación entre institucións

Xosé Merelles puxo a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense como exemplo de xestión eficaz e próxima á cidadanía. En clave comarcal, reclamou respostas concretas aos problemas do Barco e de Valdeorras. “Valdeorras precisa políticos capaces de xestionar, estar ao pé dos problemas e da cidadanía para resolvelos”, afirmou.

Mitin no Couto e campaña nos barrios de Ourense

Na cidade, a xornada culminou cun mitin na Asociación Veciñal do Couto no que participaron Roberto González, Miguel Ángel Santalices, Rosa Sánchez, Ana Méndez e José González. Ao longo do día, o PP realizou percorridos por Covadonga, Barrocás, O Vinteún e Santa Teresita e Mariñamansa. Rosa Sánchez visitou os comercios do Couto e Miguel Ángel Santalices mantivo un encontro coa Federación Provincial de Asociacións Veciñais Limiar. A candidatura instalou tamén mesas informativas na rúa do Paseo, pola mañá e pola tarde, e en Peña Trevinca.

A campaña provincial estendeuse á Arnoia, onde Román Rodríguez se reuniu coa comunidade educativa do CEIP San Salvador, e a Castrelo de Miño e Ribadavia, onde participou en percorridos por ambas localidades.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button