O Auditorio de Verín acolleu acollía o venres, 2 de outubro, a primeira edición dos Premios ao Comercio de Verín, unha iniciativa do Centro Comercial Urbano AEVER para recoñecer o traballo dos establecementos locais e das persoas que os impulsan. A gala contou coa asistencia de máis de 200 persoas, entre comerciantes, autoridades autonómicas provinciais e municipais, representantes do tecido hostaleiro e asociativo e cidadanía. A actriz galega Iria Sobrado conduciu a cerimonia, que combinou a entrega de galardóns con espectáculo e música en directo a cargo do grupo Mr Cool.
A iniciativa contou co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través de Comercio Galego, no marco da campaña extraordinaria de AEVER, unha das cinco seleccionadas na convocatoria autonómica de apoio aos centros comerciais abertos. A celebración contou, así mesmo, coa colaboración do Concello de Verín. Os premios, concedidos tras a valoración dun xurado integrado por catro membros, distinguiron cinco ámbitos da actividade comercial.
Xoguetería Kuqui recibiu o recoñecemento á Renovación ou Relevo Xeracional, entregado polo director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro. Nesta categoría tamén foron finalistas Pato Joyeros e Modas San José.
O premio ao Compromiso coa Comunidade e Identidade Local recaeu en Chabela Regalos e foi entregado polo deputado provincial José María Lago. Completaron a relación de finalistas a Clínica Veterinaria San Roque e Xamonería Antonio Martín.
Na categoría de Novo Comercio, o establecemento galardoado foi Marise Salgado, que recibiu o premio de mans do expresidente de AEVER, Santos Álvarez. As Pescadeiras e Tatiana Estética Avanzada foron as outras dúas candidaturas finalistas.
Pola súa banda, UnoUno obtivo o premio á Innovación Comercial de Proximidade, entregado polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane. A esta distinción tamén optaban Abeloura Boutique e Xamonería Antonio Martín.
O recoñecemento á Mellor Comunicación Comercial de Proximidade foi para Santiveri, que recibiu o galardón de mans do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo. Nesta categoría tamén foron finalistas a Clínica Veterinaria San Roque e Coco Shoes.
A cerimonia incluíu, ademais, a entrega do premio honorífico a Almacenes Recaredo Romero, un establecemento histórico da vila. A presidenta de AEVER, Esther Gómez, e a xerente da asociación, Beatriz Duarte, foron as encargadas de entregar esta distinción.
Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, quixo recoñecer o labor de AEVER e destacou o esforzo diario das persoas que están detrás do comercio de proximidade, así como a súa contribución á identidade de Verín e á actividade das súas rúas.
A presidenta de AEVER, Esther Gómez, destacou que «detrás de cada comercio hai persoas que dedican moitas horas, ilusión e esforzo a sacar adiante o seu negocio. Con estes premios queremos recoñecer ese traballo, tanto de quen leva décadas atendendo á veciñanza como de quen acaba de abrir as súas portas. Esta primeira gala é tamén un agradecemento á clientela que segue confiando no comercio de Verín».
No transcurso do acto celebrouse tamén o sorteo de dous cruceiros polo Mediterráneo da campaña “Viaxa co Comercio”, promovida por AEVER co financiamento do Inorde, no que resultaron premiados Victoria Echevarría e Oriol. Con esta proposta, a asociación quixo premiar a fidelidade da clientela e animar a seguir comprando nos establecementos da vila.
Fotos cedidas.