ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O alumnado da ESO protagoniza o acto central do 25N no Barco de Valdeorras

 

A loita contra a violencia machista comeza nos colexios, educando no respecto e na igualdade, destacaba a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, do manifesto do IES Lauro Olmo, por iso a mocidade, especialmente os alumnos da ESO, eran os protagonistas do acto central do programa do Barco polo 25N.

 

 

A concentración de repulsa contra a violencia de xénero celebrado na praza do Concello do Barco na mañá deste martes 25 de novembro Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, rendía  unha homenaxe especial ás vítimas deste ano. Facíao coa iluminación diante do Edificio Multiusos de 47 faroliños morados, un por cada vítima deste ano en España (unha delas en Galicia), e coa lectura dos manifestos preparados polos centros barquenses.

 

 

As primeiras eran dúas estudantes do IES Martaguisela que en nome do instituto “alzaban a voz polas mulleres que no seu momento non puideron facelo e tamén por aquelas ás que a súa situación non llelo permite hoxe”, baixo o amparo “de moitas outras que coma nós se atreveron a denunciar a violencia machista”. No turno do IES Lauro Olmo, as súas representantes aeguraban que se reunían para “lembrar, para denunciar e sobre todo para comprometernos. Reunímonos porque non queremos acostumarnos á violencia e porque non queremos que as vítimas se convirten en simples números nos informativos”.

 

 

No turno do colexio Divina Pastora, o alumnado de 4º da ESO tomaba a palabra para lembrar “ás mulleres que foron asasinadas e ás que viven con medo, ás súas fillas e aos seus fillos, ás súas familias e a todas as persoas ás que esta violencia lles cambiou a vida porque, detrás de cada noticia hai unha persoa con proxectos, amozades e ilusións, unha vida que merece liberdade, seguridade e respecto”.

 

 

O acto, que tivo que sorter á chuvia, comezaba cun minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero, incluía música, cos dúas fermosas cancións interpretadas ao teclado por Iria, estudante do Conservatorio do Barco e remataba coa lectura do manifesto institucional a cargo da concelleira de Turismo, Alba Rodríguez.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button