Un xoves máis, a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) volvía saír á rúa para reclamar un servizo de neumoloxía propio para o Hospital Público de Valdeorras. Desta volta facíao cunha manifestación que saía ás 11h. dende ese centro hospitalario e, despois, a marcha dirixíase á rúa Eulogio Fernández, onde iniciaba un percorrido ata rematar na rúa Marcelino Suárez e, finalmente, na praza do Concello.
Alí, o presidente de Asilival, Jose Rodríguez, dirixía unhas palabras aos manifestantes, agradecendo a súa presenza, así como a de autoridades como alcaldes e concelleiros de municipios de Valdeorras. Incidía tamén na necesidade de seguir mantendo as reivindicacións da entidade na rúa, lembrando os avances conseguidos dende a creación da asociación nos comezos do 2025. Así mesmo, explicaba que o escrito presentado ante a Valedora do Pobo, tras a falta de resposta da Consellería de Sanidade a diversas peticións de datos e información, foi respondido e que ata o de agora a Valedora do Pobo tampouco recibiu resposta, pero que continúa o procedemento.
Así mesmo, convocaba aos valdeorreses a unha nova concentración o vindeiro xoves ás 11h. diante do Hospital de Valdeorras, no Barco.
Fotos e vídeos: O SIL.