
A Casa do Concello de Verín acolleu esta mañá a entrega da recadación do concerto solidario dedicado á música de «El Señor de los Anillos», celebrado o pasado 3 de outubro no Auditorio Municipal. A iniciativa reuniu un total de 3.430 euros, que se repartiron a partes iguais entre as cinco entidades beneficiarias para apoiar o seu labor social.
No acto participaron representantes da Asociación Española Contra o Cancro, Cruz Vermella, CDR Portas Abertas, Cáritas e FEMURO, xunto co tenente de alcalde e responsable da área de Conservatorio, Diego Lourenzo; o director do Conservatorio Profesional de Música de Verín, José Luís Tielas e a representante da ANPA do centro educativo, Merce Freiría. Cada entidade recibiu 686 euros, correspondentes á súa parte da recadación pola venda de entradas.
O concerto, integrado na programación da 31ª edición do Festival de Cine OUFF · Ourense e realizado en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín, achegou ao público a música composta por Howard Shore para a triloxía cinematográfica baseada na obra de J. R. R. Tolkien.
Baixo a dirección de José Luís Tielas, a Xove Orquesta Ourensanía, acompañada dun gran coro, interpretou un programa con temas emblemáticos da saga e pezas de «El Hobbit». A proposta da Sinfónica Cinematográfica do OUFF reuniu música, cinema e literatura nunha cita cunha finalidade solidaria.
A entrega da recadación culmina esta iniciativa de colaboración cultural e social, na que a participación do público e a implicación das entidades beneficiarias permitiron transformar a asistencia ao concerto nunha achega económica ao traballo que desenvolven.