
A revista Raigame presentou o seu número 56, baixo o título Galicia e Bretaña 2026. Percorrendo os camiños de Castelao II, nun acto no que participaron o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o director do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Xulio Fernández Senra, así como Afonso Vázquez-Monxardín. A nova entrega continúa a colaboración iniciada no número 52 con entidades bretoas de Quimper e reúne achegas de 22 autores que analizan as relacións culturais entre ambos os territorios, con Castelao e o Camiño de Santiago como fíos condutores.
Rosendo Fernández explicou que “Castelao e o Camiño de Santiago volven ser o fío condutor dunha obra rigorosa e moi ben estruturada” que reforza as relacións históricas e culturais entre as dúas fisterrás irmás.
Neste mesmo sentido, o director do Centro de Cultura Popular sinalou que este novo volume ofrece un contido multilingüe e multidisciplinar de gran calidade que vai máis alá da edición en papel grazas ao seu acceso dixital gratuíto. Destacou que a través das súas catro partes “afondamos na situación das nosas linguas, no legado e na pegada de Castelao, na iconografía relixiosa ourensá e na riqueza do patrimonio bretón”.
Afonso Vázquez-Monxardín abundou en que a relación humana, intelectual e cultural entre o galeguismo e a Bretaña foi “directa e fonda”. No seu artigo analízase, precisamente, a estreita conexión de Castelao con Ourense e a súa xente, dende os seus proxectos e amizades con figuras como Otero Pedrayo ou Risco ata a posterior edición de “Sempre en Galiza” no Centro Ourensán de Bos Aires, explicou.
O volume aborda os vínculos entre Galicia e Bretaña a través da lingua, a creación artística, a iconografía relixiosa, a arquitectura e o vestiario tradicional. Case un século despois da viaxe de Castelao a Bretaña en 1929, o seu traballo sobre as cruces de pedra segue a ofrecer un punto de encontro para o estudo do patrimonio destas dúas fisterras atlánticas.
Catro bloques sobre a lingua, Castelao e o patrimonio
A publicación estrutúrase en catro bloques. O primeiro está dedicado ás linguas galega e bretoa, con colaboracións de Valentín García e Rozenn Milin. O segundo achega diferentes perspectivas sobre Castelao: a súa relación con Ourense, a importancia da súa viaxe a Bretaña e do estudo dos cruceiros, os paralelismos entre as revistas Nós e Gwalarn e o percorrido polos lugares que visitou o intelectual de Rianxo.
O terceiro bloque céntrase na iconografía relixiosa dos camiños de Ourense. Inclúe estudos sobre as “pezas do mes” do Museo Arqueolóxico, as pinturas murais de Santa María de Nogueira de Miño, os calvarios galegos, as advocacións xacobeas, Santa Mariña de Augas Santas, as representacións de San Rosendo e a iconografía mariana do Ribeiro.
A cuarta parte está dedicada ao patrimonio bretón, con artigos sobre o calvario de Kilinenn, o fondo fotográfico do Museo Departamental Bretón, os bordados do traxe tradicional, a presenza de artistas americanos en Pont-Aven, a vila de Morlaix, a relación de Pouldavid coa peregrinación a Compostela e o proxecto escultórico do Val dos Santos.
Esta edición dá continuidade ao traballo compartido con Ti ar Vro Kemper, o Comité de Irmandade Quimper-Ourense, a Asociación Bretoa de Amigos de Santiago e a vila de Quimper. O número incorpora códigos QR que permiten descargar as traducións dos textos.
Presentación en Bretaña e distribución gratuíta
O número 56 de Raigame tamén será presentado en Quimper o xoves 15 de outubro, dentro da programación da Semana Cultural de Galicia.
A revista distribúese gratuitamente a bibliotecas, museos, centros culturais e centros educativos da provincia de Ourense. As persoas interesadas poden solicitala nas oficinas do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense.