SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense acollerá o III Torneo Solidario de Mus en beneficio de ‘Bicos de Papel’

 

O Hospital Universitario de Ourense acollerá o vindeiro sábado, 17 de outubro, o Torneo Solidario de Mus, que nesta terceira edición será en beneficio de ‘Bicos de Papel’, asociación de apoio ás familias de nenos e nenas con cancro do sur de Galicia.

A competición, que en anos anteriores reuníu a máis dun centenar de persoas, terá lugar de 10 a 22:30 horas, coa acreditación dos participantes a partir das 9:30 horas, na cafetería de persoal do novo edificio de Hospitalización, situada no andar 0.

Esta iniciativa, aberta a todo aquel que queira participar, está organizada polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización xunto coa Asociación de Mus de Ourense (AMOU) en colaboración con Apetéceme, responsable da xestión das cafeterías. As inscricións realizaranse a través da aplicación MUSTOTAL e terán un prezo de 15 euros por participante, que se aboarán directamente á entrada do torneo. O importe integro das inscricións destinaranse a Bicos de Papel, así como os donativos dos que desexen colaborar sexan xogadores inscritos ou non.

Torneo por parellas e premios

O torneo disputarase por parellas, cunha fase de roldas, semifinais e final. O número de roldas dependerá das parellas inscritas, que quedarán eliminadas ao perder tres partidas. Haberá trofeos para os primeiros clasificados. Ademais, os catro primeiros clasificados do grupo A obterán praza con hotel para o Campionato de España de Mus de 2027, mentres que o campión do grupo B terá praza con hotel para o Campionato Galego de Mus de 2027. As persoas que desexen apoiar a asociación sen participar na competición tamén poderán facelo mediante a fila cero, cun donativo na conta da Asociacións Bicos de Papel: ES90 0133 4730 7542 0000 4113.

Apoio ás familias ourensás

‘Bicos de Papel’ naceu en 2017 da unión de familias que compartiron a dura experiencia do diagnóstico e tratamento de cancro dos seus fillos, na Unidade de Oncoloxía Pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro, centro de referencia tamén para os pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Entre os seus recursos destaca unha casa de acollida próxima ao hospital, que facilita a estadía das familias que deben desprazarse a Vigo durante os tratamentos, e que foi utilizada desde a súa apertura por máis de vinte familias da nosa provincia.

A asociación, conta desde hai uns anos cunha representante en Ourense, Beatriz González, que destaca a importancia de contar coa oferta da asociación de “apoio psicolóxico, rehabilitación das secuelas físicas dos tratamentos” así como “axudas económicas para desprazamentos e estadías, incluídas as necesarias para acudir a centros de referencia en Madrid e Barcelona”.

A representante da asociación agradeceu aos organizadores esta iniciativa, na presentación no Hospital Universitario da terceira edición, na que estiveron presentes representantes de Museiros Ourense, de Apetéceme, da Escola de Pediatría e do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización.

Back to top button