
Nove establecementos da provincia de Ourense participan no V Roteiro de Tapas e Petiscos de Galicia, que do 9 ao 18 de outubro invita a descubrir a gastronomía galega a través de elaboracións de tres bocados. A iniciativa reúne a bares e restaurantes das catro provincias galegas nunha cita que combina produto, creatividade e talento hostaleiro para mostrar a diversidade da despensa galega.
Os establecementos ourensáns participantes son: A Zapatería do Avó, A Estación de Lomán, Hotel Restaurante Pallabarro, Restaurante O Campanario, Restaurante Prieto, Club Santo Domingo, Bágoa Gastrobar, Fuentefría e Graduado 2.0.

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, e Turismo de Galicia impulsan esta iniciativa de promoción turístico-gastronómica, organizada pola Academia da Tapa e do Pintxo. A cociña en miniatura reúne nun mesmo roteiro produtos do mar e da horta, carnes, queixos, pan e viño. Cada proposta realza a materia prima e o oficio dos profesionais da hostalería, con preparacións que combinan técnica e creatividade.
A participación de establecementos de toda Galicia permite percorrer o territorio a través das súas barras e mesas. Cada tapa ofrece unha interpretación propia do produto e da tradición gastronómica da súa contorna, achegando ao público unha forma diferente de descubrir a diversidade da cociña galega en pequenos bocados.

Nesta mesma liña, José Luis Rodríguez, delegado comercial de Estrella Galicia, puxo de relevo o compromiso da marca coa gastronomía galega e co talento dos profesionais da hostalería, apoiando o seu traballo e creatividade a través de numerosas iniciativas en todo o territorio. Neste contexto, destacou tamén o valor da Ruta de Tapas e Petiscos de Galicia como unha oportunidade para mostrar a capacidade dos nosos hostaleiros para converter un bocado nunha auténtica expresión da identidade gastronómica galega.
Para facilitar o percorrido, os establecementos participantes mostrarán o cartel oficial da V Ruta de Tapas e Petiscos de Galicia, co nome da tapa que ofrecen. O público poderá consultar as elaboracións e os locais nos perfís de Instagram e Facebook da Academia da Tapa e do Pintxo.
O Ruta permitirá probar as elaboracións que competirán no V Campionato de Tapas e Petiscos de Galicia. A cita celebrarase os días 19 e 20 de outubro no Mosteiro de San Pedro de Rocas, en plena Ribeira Sacra ourensá, e reunirá a profesionais das catro provincias galegas.
