ConcellosÚltima horaVilamartín

A Asociación Veciñal de Arcos (Vilamartín) pide medidas para garantir a potabilidade e calidade da auga

As administracións públicas, din dende esta entidade, "teñen a obriga de proporcionarlles aos seus cidadáns os servizos básicos, por conseguinte, deixen de mirar para outro lado e póñanse a traballar"

Cedidas.

 

Dende a Asociación Veciñal San Lourenzo de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) vén de emitirse unha nota de prensa para pedir das administracións medidas encamiñadas a “garantir a calidade e potabilidade da auga de consumo e traballar na recuperación e rexeneración dos montes de Valdeorras”.

Así, os veciños din neste comunicado que levan “máis dun ano soportando a falta de auga potable, como consecuencia do gran incendio forestal que se producíu nos montes de Valdeorras no verán do 2025. Non podemos sufrir o feito de chegar dos nosos traballos e non poder asearse, ou mesmo non poder cociñar porque a agua dos grifos sae como o chocolate. As administracións deberán tomar medidas urxentes para garantir a potabilidade da auga de consumo no noso pobo. Esta circunstancia non se orixinou recentemente, todo o contrario, xa vén de vello. Non podemos estar ollando ao ceo e rogando para que non chova. No século XXI non cabe esta posibilidade; as administracións deben dispór de recursos para estas circunstancias e non deixar aos seus veciños desprotexidos”.

Así mesmo, dende esta asociación veciñal din que “o incendio forestal do ano 2025 con miles de hectáreas queimadas na nosa vila trouxo consigo consecuencias nefastas para a poboación, as cales estamos a sufrir de primeira man. As choivas acarrean consigo abundantes arrastres de cinza e combustibles madeireiros aos ríos e regatos máis aos propios manantiais, imposibilitando aos medios de depuración garantir que a auga sexa apta para o seu consumo. Qué facemos entón a veciñanza??? As administracións públicas teñen a obriga de proporcionarlles aos seus cidadáns os servizos básicos, por conseguinte, deixen de mirar para outro lado e póñanse a traballar!!!”.

Prosegue a asociación sinalando que “a auga potable nas nosas casas é vida, por conseguinte instamos á Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño – Sil máis ao Concello de Vilamartín de Valdeorras a traballar conxuntamente na procura de garantir canto antes a calidade máis a potabilidade da auga de consumo para os cidadáns desta parroquia, sen esquecernos tampouco da urxente posta en marcha de medidas para protexer ó solo dos montes do Farelos, traballando na recuperación e rexeneración da cuberta arbórea, co fin de evitar os arrastres. A reconstrucción mediante plantacións para o restablecemento do ecosistema degradado é fundamental, utilizando para elo técnicas e prácticas do que coñecemos como silvicultura preventiva”.

A maiores desta demanda, a asociación indica que tamén lle esixe ao “Concello de Vilamartín a regularización dos recibos da taxa por abastecemento de auga potable, posto que a veciñanza vén a pagar por un servizo que non está a dispór. Entendemos que esta demanda é de xustiza, e o propio Concello tiña que corresponder con noso requerimento”.

A Asociación Veciñal San Lourenzo de Arcos conclúe o seu comunicado indicando que, “ante a emerxencia ambiental que estamos a sufrir, tócalles ás administracións, a todas elas, sen excepcións, arrimar o ombro e colaborar para que a veciñanza da parroquia de Arcos poidamos recibir os servizos que calquér cidadán doutro concello obtén. As diferenzas políticas entre as administracións deben quedar ao marxen cando se trata do benestar dos seus cidadáns, por tanto, instamos aos nosos representantes políticos nas diferentes administracións a que trasladen aos órganos de representación cidadá as nosas queixas, obrigando aos poderes públicos a tomar medidas encamiñadas á recuperación dos servizos básicos dos veciños e veciñas”.

Back to top button