Dende as escaleiras da igrexa de Punxeiro (Viana do Bolo), e ante unha praza ateigada de xente, iniciábase arredor das sete da tarde deste sábado 10 de outubro unha edición máis, e van xa 18, da Ruta das Adegas-Festa da Vendima. Trátase dunha data festiva xa consolidada no outono e que atrae, cada ano, a multitude de persoas da zona e de fóra, especialmente xente nova. “E isto danos muta enerxía para seguir montando esta ruta”, dicía unha das integrantes da organización nese acto de apertura da festa.

Ademais, a moza de Punxeiro explicaba que esta celebración “non é só viño e comida, é a excusa perfecta para reencontrarnos, desfrutar cos que estamos e acordarnos dos que hoxe faltan. Detrás de cada adega aberta hai recordos, risas compartidas e moitísimas horas de traballo para que hoxe unicamente nos preocupemos de pasalo ben”.

E xusto antes de que o son das tres agrupacións musicais que guían a ruta soase, dábase o último consello aos veciños e visitantes: “Toca porse o pano, coller a cunca, percorrer as adegas e desfrutar da música, dos pinchos e do viño!”.
Arrancaba así un percorrido ao ritmo de Bandiños Band, As Macizas Centrais e El Tattoo que abrían as tres primeiras adegas, mentres comezaban a servirse viños brancos e tintos e a saborearse unha ampla variedade de petiscos, tanto salgados como doces, elaborados pola veciñanza: dende embutidos e montadiños, pasando por fabada ou paella, ademais de bicas e tartas. Unha vez pechaban as tres primeiras, os grupos dirixíanse ás tres seguintes e así ata completar un traxecto dunhas 17 adegas nesta edición.




Arredor da medianoite a celebración trasladarase ao campo da festa onde se dará paso á música e ao baile primeiro con Panamá Band e despois con Discomóbil Mami.
Esta XVIII Ruta das Adegas-Festa da Vendima está organizada pola Comisión de Festas de Punxeiro coa colaboración do Concello de Viana do Bolo e da Deputación de Ourense.
Fotos e vídeo: O SIL.







