ConcellosO BarcoÚltima hora

Desaloxados os veciños dun edificio da céntrica avenida Conde Fenosa do Barco por unha fuga de gas

 

Arredor das 22:25h. da noite deste sábado 10 de outubro un aviso por unha fuga de gas na céntrica avenida Conde Fenosa do Barco mobilizaba aos equipo de emerxencia. O suceso tiña lugar nunha zona situada próxima ao Hospital Público de Valdeorras, en concreto no edificio situado no número 58.

Era un veciño deste edificio quen se decataba da fuga. Sentía un ruído raro e ao tratar de ver de onde procedía percatábase de que era gas que estaba saíndo con forza dunha tubería, era entón cando se daba aviso.

Ata o lugar desprazábanse de inmediato a Policía Local, o GES Valdeorras, a Garda Civil e os bombeiros do parque comarcal. Os veciños do edificio foron desaloxados por precaución e a rúa cortábase ao tráfico. Arredor das 23:15h., despois de que os bombeiros comprobasen que no interior do edificio non había gas, e que a avaría estaba no exterior, os residentes nese portal podían volver ás súas casas.

O lugar da avaría quedou selado á espera de que poida repararse o antes posible.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button