SanidadeÚltima hora

O vindeiro martes comezará a vacinarse da gripe e da covid ao persoal dos centros sanitarios, pacientes inmobilizados e con inmunodepresión

As persoas inmobilizadas vacinaranse a domicilio e nos hospitais públicos os pacientes con inmunosupresión

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras inicia este martes, 13 de outubro, unha nova fase da campaña de inmunización fronte á gripe e á covid, coa vacinación a domicilio das persoas inmobilizadas de calquera idade e os seus coidadores principais, dos pacientes con inmunosupresión, do persoal dos centros sanitarios, dos nenos de 6 meses a 11 anos ou de risco, e dos incluídos no programa escolar, que en Ourense chegará a 13 colexios.

 Así, desde o vindeiro martes as enfermeiras dos centros de saúde da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vacinarán, a domicilio aos pacientes inmobilizados, así aos seus coidadores principais.

O día 13 tamén comeza a vacinación dos profesionais sanitarios e non sanitarios dos centros da rede Sergas e dos centros sanitarios privados.

Nos hospitais, en coordinación co Servizo de Medicina Preventiva, facilitarase a vacinación directamente nas unidades de hospitalización, ademais de manter como punto de referencia o propio servizo de Preventiva e os puntos de vacinación habituais nos tres hospitais públicos.

 Por hospitais, os puntos habilitados estarán na Aula de Innovación do Hospital Universitario de Ourense, na biblioteca do Hospital Público de Valdeorras e no salón de actos do Hospital Público de Verín. En Atención Primaria, como vén sendo habitual, o persoal poderá vacinarse directamente no seu centro de saúde. Onde traballan. A campaña para este colectivo profesional desenvolverase ata o 31 de decembro.

 

 

Dimensión da campaña na Área


A Área Sanitaria conta con 121.489 persoas de 60 ou máis anos, como poboación diana da vacinación antigripal, mentres que para a inmunización fronte á covid, o grupo de 70 ou máis anos, á quen se lle aconsella, abrangue ao redor de 76.800 ourensáns. A estes súmanse as persoas con factores de risco, xunto cos demais colectivos recollidos nas bases da campaña.

O obxectivo é lograr protexer ao 60% na poboación pediátrica incluída e ao 75% das persoas de 60 ou máis anos. Aplicado á poboación diana de 60 ou máis anos da provincia, este obxectivo supón vacinar ao redor de 91.100 persoas.

Vacinación Infantil
Este martes iniciase a vacinación infantil fronte á gripe, indicada para todos os nenos e nenas de seis meses a 11 anos, ademáis dos pertencentes a grupos de risco de calquera idade.

Os centros de saúde citarán de forma proactiva á poboación infantil, que non participe no programa escolar, mentres que os colexios comunicarán ás familias a data na que se desprazarán os equipos de enfermería a cada centro.

Na Área Sanitaria de Ourense participarán neste programa trece centros, tres máis que o pasado ano. En concreto o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e o CPR Plurilingüe Divina Pastora, ambos en Ourense; o CPR Pablo VI Fátima da Rúa; o CEIP Padre Feijoo de Allariz; o CPI Plurilingüe Antonio Failde de Coles; o CPI Terras de Maside; e o CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, no Carballiño; os CPR Plurilingües Guillelme Brown e Miraflores, no Pereiro de Aguiar; o CPR Plurilingüe María Inmaculada de Verín; e por último os CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, ambos en Xinzo de Limia.

Nunha terceira etapa, que se iniciará o 19 de outubro, incorporaranse as persoas de 70 ou máis anos e o persoal de emerxencias sanitarias. Os grupos incorporaranse sen pechar a vacinación dos anteriores. Hai que lembrar que para vacinarse nos centros de saúde é preciso solicitar cita previamente.

Back to top button