OurenseÚltima hora

A Asociación dos Bombeiros dos GES de Galicia fala “de falta de cobertura nas emerxencias en Ourense”, tras o incendio de Trives

AGESGA pide "cubrir as vacantes, garantir gardas operativas e superar un modelo no que os recursos non chegan cando máis se necesitan"

Logotipo da Asociación dos Bombeiros dos GES de Galicia

 

A Asociación dos Bombeiros dos GES de Galicia (AGESGA) vén de emitir neste domingo un comunicado no que asegura que “o incendio rexistrado na noite do 17 de outubro nunha vivenda da Pobra de Trives volve evidenciar as graves deficiencias da cobertura das emerxencias na provincia de Ourense. A distancia entre o mapa de servizos que se presenta á cidadanía e os recursos realmente dispoñibles cando se chama ao 112 resulta cada vez máis preocupante”.

Segundo esta asociación, “o aviso produciuse ás 22:12 horas e, ás 23:01, case cincuenta minutos despois, os efectivos do GES de Castro Caldelas aínda se atopaban en camiño, mentres a vivenda ardía e existía preocupación pola posible propagación ás construcións lindeiras. AGESGA reclama que se esclarezan os tempos oficiais de mobilización e a información segundo a cal a dotación puido dirixirse inicialmente cara a Parada de Sil. O 14 de outubro, na Comisión Primeira do Parlamento de Galicia, denunciouse que as tabletas entregadas aos GES continúan sen a aplicación operativa para recibir a localización dos avisos do 112 e que, polas restricións dos dispositivos, nin sequera permiten utilizar ferramentas básicas de navegación como Maps”.

Dende a asociación din tamén que “segundo nos consta, as primeiras actuacións corresponderon a efectivos de Medio Rural e Protección Civil de Trives. Estes recursos poden desenvolver, dentro dos seus medios e condicións de seguridade, un ataque indirecto ou exterior, labores loxísticos e tarefas de apoio, como o abastecemento dos vehículos de extinción. Pero non están equipados con traxes de intervención estrutural e equipos de respiración autónoma para asumir directamente un incendio no interior dunha vivenda. A súa intervención non pode substituír a presenza dunha dotación profesional con capacidade para o ataque interior e o salvamento”.

Ademais de no GES de Castro Caldelas, onde AGESGA fala de “falta de control efectivo sobre as funcións asignadas ao persoal”, esta entidade di que no GES da Gudiña “constan denuncias de peches e quendas cun único efectivo” e tamén no caso do GES Valdeorras. Para esta asociación, “o deterioro máis profundo é o do persoal. As baixas e, sobre todo, a marcha de bombeiros dos GES cara aos consorcios provinciais e aos parques municipais están deixando prazas baleiras en numerosos servizos”.

Asegura AGESGA que isto supón “unha perda continuada de profesionais formados, mentres as vacantes non se repoñen. Non falamos simplemente de falta de axilidade administrativa: denunciamos que hai concellos que directamente deixan sen cubrir postos, ao asumir unha responsabilidade de extinción e salvamento que excede a capacidade de xestión municipal”. Esta problemática, prosegue, tamén se dá noutras provincias galegas.

Por outra banda, esta asociación indica que “en Ourense, os GES naceron para actuar como unha extensión territorial dos catro parques comarcais de bombeiros, achegando a resposta a zonas que quedan afastadas deses parques. Con bases pechadas, dotacións mínimas que non se garanten e vacantes que non se cobren, esa extensión non funciona. Non existe a rede coordinada e plenamente operativa que precisa unha provincia tan extensa e dispersa. A asociación reclama que os GES se integren funcionalmente nun sistema provincial de extinción e salvamento, con cobertura real e criterios comúns de funcionamento”.

Back to top button