O colexio Josefinas celebrou os Eramus Days promovidos polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) cunha actividade titulada Our Erasmus World, grazas á cal puideron dar a coñecer a toda a comunidade educativa a evolución do proxecto cofinanciado pola UE que están a levar a cabo grazas ás portas que se lle abriron tras ser galardoados coa Acreditación Erasmus para a Educación Escolar na pasada convocatoria.
Nesta xornada de difusión, alumnado e profesorado compartiron experiencias coa colaboración de antigos alumnos que volveron ao colexio para contar o aprendido tras a súa experiencia internacional que puideron desfrutar durante a súa etapa de Secundaria nas Josefinas.

Tal como explican dende o colexio, realizáronse presentacións dando a coñecer as actividades que terán lugar grazas a este proxecto tanto para profesorado como para alumnado e que son de comezo inminente. Así o próximo mes de novembro tres profesores do colexio desprazaranse ata Turquía para realizar unha estancia de aprendizaxe por observación no presigioso Yukselys Kolleji da localidade de Arsuz, outros tres docentes realizarán un curso de formación sobre metodoloxías inclusivas no estranxeiro e polo menos unha vintena de alumnos acompañados por catro profesores, poderán viaxar a distintos países europeos para realizar actividades relacionadas con obxectivos sobre dixitalización, sosteniblidad medioambiental e democratización europea.
Durante os Erasmus Days, ademais, o alumnado puido poñer a proba o seu coñecemento sobre o Plan de Internacionalización do colexio e como poder formar parte do prigrama Erasmus+ con actividades lúdicas, kahoot e sobre todo moita diversión.
“Erasmus+ conseguiu que neste colexio de Ourense a formación logre orientarse cara a unha aprendizaxe competencial para o futuro”, aseguran dende o centro.