
Neste venres 23 de outubro celébrase no Hospital Universitario de Ourense o I Curso básico teórico-práctico de fracturas de man e pulso, abordaxes e tratamento cirúrxico, que reunirá 18 médicos internos residentes de primeiro e segundo ano de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía de hospitais de toda Galicia.
O Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía organiza por primeira vez esta actividade, cun enfoque práctico e personalizado para facilitar a adquisición de competencias nun ámbito de especial complexidade como é a cirurxía da man.
Dirixir o curso aos residentes dos primeiros anos responde á importancia destas lesións na atención urxente e á necesidade de contar cunha base para abordalas desde o inicio da especialización. «Estas fracturas supoñen unha elevada porcentaxe do noso día a día en urxencias e do seu correcto manexo inicial depende moitas veces o resultado final», explica Marta Méndez, xefa do servizo e directora do curso, que sinala que os residentes de maior antigüidade veñen realizando rotacións en unidades de man e pulso.

Prácticas con material real de quirófano
O curso estrutúrase en tres bloques, cada un cunha parte teórica e outra práctica, para aplicar as técnicas explicadas e familiarizarse cos instrumentos e materiais empregados nas intervencións. «A parte práctica realízase en fantomas e con material de osteosíntese real que utilizamos no quirófano, para que poidan comprobar como se adaptan as placas e os parafusos e practicar o explicado na teoría», destaca a directora do curso.
Os fantomas son modelos anatómicos, que permiten ensaiar as técnicas cirúrxicas, mentres que o material de osteosíntese se utiliza para fixar os fragmentos dos ósos fracturados. Esta metodoloxía permite, aos participantes, practicar a colocación e adaptación das placas e dos parafusos cun seguemento moi individualizado polos titores.

Das fracturas dos dedos ás do pulso
O programa inclúe sete prácticas sobre fracturas da man, do escafoide —un dos ósos do pulso— e dos extremos do radio e do cúbito próximos a esta articulación.
O primeiro bloque aborda os principios de fixación das fracturas e a elección do material, con prácticas sobre falanxes, os ósos dos dedos, e metacarpianos, que forman a estrutura ósea da palma da man. O segundo céntrase nas vías de acceso cirúrxico, e no tratamento das fracturas do escafoide, mediante parafuso e placa, mentres que o terceiro se dedica ás fracturas de radio e cúbito na zona do pulso.
O equipo docente está integrado por profesionais das unidades de Man e Pulso e de Traumatoloxía e Politrauma do Hospital Universitario de Ourense. Ademáis de Marta Méndez Álvarez, María Elvira Salgado López, Rafael López de Ramón, Pablo Gómez Bardasco, José Manuel Morales González, Roberto Casín Bricio e Ana Carolina Presas Presas.
