CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas de Ourense gaña o Premio de Oratoria en Formato Pódcast “Ramón Otero Pedrayo” 2026

 

Na mañá deste luns, 26 de outubro, a Fundación Otero Pedrayo entregaba o Premio de Oratoria en Formato Pódcast “Ramón Otero Pedrayo” 2026.

O colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas de Ourense conseguiu o primeiro premio desta cuarta edición do concurso co traballo Ave Pedrayo II. O grupo gañador estaba formado polos alumnos de 1º de Bacharelato Antía Fernández, Anxo Cid, Joel de Amorín, Catuxa González, Lucía Álvarez, Marco Barrio e Martiño Fernández.

O segundo premio foi para o instituto que leva o nome do escritor: o IES Otero Pedrayo de Ourense. Inés Miguélez, Edgar Basalo, Aitana Otero, Chloé López e Sabela Iglesias forman o grupo premiado. E o terceiro premio tamén queda na provincia de Ourense: Samuel Barreiro Pérez, do colexio CPR Plurilingüe María Auxiliadora, obtén o recoñecemento.

 

 

O acto contaba coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen explicou que contan co apoio da Xunta “co obxecto de incentivar a oratoria en galego entre as xeracións máis novas e a través da programación do Ano Oteriano, que lles está permitindo redescubrir a figura do intelectual galeguista, gran mestre nesta disciplina e baluarte do noso idioma”.

Na entrega dos premios na Casa Museo de Trasalba, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o interese que esperta este concurso e a calidade dos tres traballos gañadores que, segundo salientou, “demostra que a lingua galega é unha ferramenta moderna, actual e totalmente válida para as novas formas de comunicación da xente moza, como é o caso dos pódcast”. Neste senso, destacou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, a través da súa estratexia lingüística dirixida a “prestixiar o noso idioma nas plataformas nas que a xente nova ten máis presenza”, ao abeiro do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado este mesmo mes por unha ampla maioría do Parlamento de Galicia.

 

 

De igual xeito, Valentín García destacou o protagonismo deste certame dentro da “ampla e diversa programación”, perfilada ao longo deste 2026 coas principais entidades culturais galegas para conmemorar o Ano Oteriano, “á altura da relevancia que o homenaxeado tivo e mantén na cultura galega contemporánea”. Ademais, fixo fincapé en que Pedrayo foi “un dos protagonistas máis activos no prestixio e rexeneración do noso idioma no primeiro cuarto do século XX, o que o converte nun referente con absoluta vixencia para as actuais xeracións”.

Na entrga dos galardóns tamén estaba Mónica Rodríguez Blanco, responsable de Cultura Corporativa e Responsabilidade Social de COREN; Xosé López, presidente da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, que organizan o premio; ademais do presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira.

Back to top button