EconomíaEconomíaÚltima hora

Balance da terceira edición do proxecto “Valdeorras Sostible”, promovido por Aeva

As propostas do alumnado incluíron transporte, lecer, benestar, renovábeis, tecnoloxía, moda, comunicación ou alimentación. Algúns deles protagonizarán unha dinámica teatral que será trasladada a vídeo

 

Catro centros educativos, preto de oitenta participantes, vinte catro ideas de negocio e seis premios. Esas son as cifras que resumen o balance dos talleres de emprendemento comercial da terceira edición do proxecto Valdeorras Sostible, posto en marcha por AEVA co apoio do Inorde. Nel participaron centros de Secundaria: o IES Lauro Olmo e Colexio Divina Pastora do Barco e o IES Cosme López e o Colexio Pablo VI da Rúa, nos que o alumnado de 4º da ESO e dos Ciclos Formativos propuxeron ideas de negocio relacionadas, entre outros, cos sectores do transporte, o lecer, o benestar, as enerxías renovábeis, a tecnoloxía, a moda, a comunicación e a alimentación.

Na primeira sesión, os estudantes recibían un reto: idear un negocio partindo dunha necesidade clara de servizo ou consumo que detectaran na comarca. Varios optaron por idear negocios de lecer para a mocidade ou plataformas de transporte lanzadeira, segundo eles, dúas necesidades claras en Valdeorras. Outros, centráronse nas novas tecnoloxías e as oportunidades que presentan. Todas as ideas foron valoradas nunha segunda sesión polo especialista José María de la Torre, a quen cada grupo lle fixo unha presentación da idea en dous minutos á cal tamén asistiu o presidente de AEVA, Carlos Terán, quen aportou a súa experiencia empresarial á valoracións das propostas.

Escolléronse os seis proxectos mellor construídos e presentados, os cales recibiron un premio de 50€ en vales de AEVA.

Os seis proxectos premiados

A revelación dos proxectos galardoados fíxose nunha terceira sesión, na que a xerente de AEVA, Raquel Rodríguez, agradeceu o apoio do Inorde para levar adiante o proxecto e a gran colaboración dos centros educativos así como o entusiasmo do alumnado. A cada un dos centros participantes entregouselle un diploma de recoñecemento. Os equipos das ideas premiadas levaron tamén un diploma, ademais dos vales de compra para gastar nos comercios asociados a AEVA.

No Colexio Pablo VI da Rúa o alumnado de 4º da ESO presentou catro proxectos dos que se premiaron dous: un estudo de gravación multimedia ideado por Fergie Simoes, David Prieto e Vera Rodríguez; e unha plataforma de creación de tarxetas NFC á carta para incentivar a presenza en liña do pequeno comercio. Os autores da idea foron Sergio Molano, Fabia e Anxo Hermida.

No Colexio Divina Pastora do Barco tamén participou alumnado do 4º da ESO, chegando a presentar doce ideas entre a que se destacou a de Sandra Porto e Julia González quen pensaron en crear Val de Excursión, unha empresa de viaxes culturais e de lecer pola comarca á carta.

O alumnado dos Ciclos, pola súa banda, centráronse máis nos sectores nos que se están a formar. No IES Lauro Olmo do Barco participaron os estudantes de Electricidade e Automoción. Presentaron tres proposta e o proxecto gañador foi Ecotalleres, orientado á reparación de coches eléctricos. Foi idea de Miguel Vidal, Enrique Gómez, Lisandro Arias, Nara García, Sebastián Correa, Adrián Anta e Saúl Díaz. No IES Cosme López da Rúa houbo catro propostas do alumnado do Ciclo Medio de Informática, recibindo dous premios.

Un deles foi para Kaldia, unha empresa de reparación de equipos tecnolóxicos e creación de ordenadores á medida, iniciativa de Alejandro Alcántara, Diego Pérez, Gabriel Prada e Brandon Domínguez. A outra idea escollida foi Transporte Valdeorras, de Aarón Núñez, Daniel Lombardero e Pablo Jardón, un sistema de transporte eléctrico colectivo por subscrición dentro da comarca.

Dinámica teatral e vídeos

O último paso desta terceira edición de Valdeorras Sostible consiste en levar estas ideas de emprendemento á ficción, con dinámicas teatrais nas rúas e espazos comerciais que serán rexistradas en vídeo para construir unha nova campaña audiovisual de AEVA. A gravación será nestes próximos días e os negocios asociados de AEVA e a veciñanza poden postularse para participar no vídeo a través do correo aevaformacion@gmail.com

Back to top button