A RúaConcellosÚltima hora

Algunhas das especies máis significativas da Península Ibérica, na mostra “Fauna Esencial”, no Centro Cultural Avenida da Rúa

A inauguración da exposicion tiña lugar na mañá deste mércores 28 de outubro e poderá visitarse ata o 26 de novembro

 

Dende hoxe e ata o 26 de novembro, o Centro Cultural Avenida da Rúa acolle a exposición de fotografías de gran formato “Fauna esencial”, un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas do noso contorno natural, unha iniciativa posible “grazas á colaboración entre o Concello da Rúa, ABANCA e Afundación”.

A inauguración tiña lugar na mañá deste mércores 28 de outubro por parte da alcaldesa da Rúa, María G. Albert; da directora de Zona Ourense-Leste de ABANCA, María José López Rubal; do director da oficina de ABANCA na Rúa, Esteban Álvarez de la Mata; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

 

 

Esta exposición está plantexada como “un chamamento á acción e á reflexión para apreciar a diversidade da vida salvaxe, recoñecer a súa importancia para a sustentabilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación”, aseguran dende ABANCA, explicando que, nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, “Fauna esencial” inspira a “valorar as especies do noso contorno, asegurando así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra”.

 

 

“Fauna esencial” é unha enriquecedora viaxe a través da diversidade da nosa vida silvestre. Está conformada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retrato de natureza que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes están acompañadas de textos explicativos que inclúen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. “Para a súa elaboración contouse cos especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, quen confeccionaron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos”, explican dende ABANCA, destacando que se trata dunha mostra con grandes retratos de primeiros planos de algunhas das especies máis significativas da Península Ibérica como o oso pardo, a cegoña, o buitre leonado, o gamo, o corzo, a curuxa ou o águia imperial.

 

 

Esta exposición forma parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis alá das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén delas as actividades da entidade.

De entrada libre e gratuíta, poderase visitar de luns a venres de 19 a 21 e os sábados, domingos e festivos de 17 a 22 horas.

 

 

Fotos: O SIL.

Back to top button