CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O FIC Vía XIV de Verín afronta a recta final cun concerto de bandas sonoras e unha gala de aniversario con humor e música en directo

A Banda de Música de Verín repasará este xoves algunhas das melodías máis recoñecibles do cinema que acompañou a xeracións ao longo das súas vidas

Cedida.

O FIC Vía XIV entra na recta final da súa décima edición con dúas das citas destacadas da programación: o concerto de bandas sonoras a cargo da Banda de Música de Verín, este xoves 29, e a gala de clausura do sábado 31, que combinará a entrega de premios con humor e música en directo para celebrar os dez anos de traxectoria do festival.

A programación destes últimos días mantén tamén o seu compromiso coa formación de novos públicos, a accesibilidade e a reflexión arredor da linguaxe cinematográfica, mentres continúan as proxeccións das curtametraxes desta edición.

O xoves 29 de outubro, ás 20:30 horas no Auditorio de Verín, o FIC Vía XIV Film Symphony ofrecerá un percorrido por algunhas das bandas sonoras máis recoñecibles da historia do cinema. A proposta, organizada en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín, estará protagonizada pola Banda de Música de Verín.

O repertorio reúne músicas de películas de diferentes xéneros e xeracións, con temas de Ghost, Coco, Cinema Paradiso, Titanic, Encanto e Barbie. Tamén incluirá pezas como a Coronel Bogey March, o prólogo e o tema de A Bela Durminte e a música de O bo, o feo e o malo, composta por Ennio Morricone.
A cita permitirá redescubrir melodías vinculadas a escenas e personaxes inesquecibles e, ao mesmo tempo, poñer en valor o talento musical da vila nunha proposta que conecta a programación do festival coa música en directo.

Unha gala para celebrar dez anos de cinema en Verín

O sábado 31 de outubro, ás 20:30 horas, o Auditorio de Verín acollerá a gala final do FIC Vía XIV, un dos momentos centrais desta décima edición. A cita servirá para coñecer as curtametraxes gañadoras e celebrar unha década de actividade arredor do cinema e da cultura en Verín. A gala concíbese tamén como un espectáculo aberto á veciñanza, cunha proposta que irá máis alá da entrega de galardóns. A humorista Marta Doviro e o grupo Soul Join acompañarán unha celebración que quere reunir o público arredor do festival e do camiño percorrido ao longo destes dez anos.

Durante o acto entregaranse o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe das categorías oficiais A Raia e Nova, así como o Premio do Público á Mellor Curtametraxe. Ao remate, as persoas asistentes poderán compartir uns petiscos á saída do auditorio.

A celebración pechará seis días de proxeccións e actividades nos que o FIC Vía XIV volveu situar a Verín como espazo de encontro arredor da curtametraxe, achegando ao público novas historias e diferentes formas de mirar o mundo. As entradas xa poden conseguirse en Ataquilla.com e na billeteira do auditorio o propio día do evento.

Formación, accesibilidade e cineclub na recta final

A programación complétase con varias propostas que amplían a relación do festival co público e coa comunidade.

O venres 30 pola mañá terá lugar Olladas compartidas, unha sesión de cinema que incorpora medidas de accesibilidade para facilitar o acceso e o desfrute das proxeccións a persoas con diferentes necesidades. Xa o sábado 31, ás 17:00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá un cinefórum en colaboración co Cineclub Ordet. A sesión abordará dúas obras de creadoras singulares: Un falso espertar (Meshes of the Afternoon, 1943), de Maya Deren, e A casa é negra (Khaneh siah ast, 1963), de Forugh Farrokhzad. O encontro estará coordinado por Manuel Ayán e Daniel Dapía.

As proxeccións das curtametraxes do festival continúan tamén durante estes últimos días, antes da clausura dunha edición que conmemora os dez anos do FIC Vía XIV baixo o lema «A verdade nunca foi tan fráxil».

Back to top button