
Quiroga prepárase para honrar ao seu patrón, San Martiño cun programa que inclúe actos culturais, magosto e música.
As actividades culturais centraranse nos días previos. O venres 6 de novembro, ás sete da tarde, a Casa da Cultura acollerá a presentación do documental Prisciliano e a Gallaecia que achega a figura do bispo galaico Prisciliano (340-385), a primeira persoa condenada a morte pola Igrexa católica na súa historia, arraia especialmente na Galicia tardorromana e altomedieval. Executado por herexe, a súa figura é obxecto de continua investigación nos nosos días.
Antes de ver o documental, o acto estará presentado polo seu director, Aser Álvarez e polo profesor de Historia Antiga e experto na figura de Prisciliano, Diego Piay Augusto. Piay considera probable que o Crismón da Ermida, enigmática peza de arte paleocristiá, estea asociada ao priscilianismo. Tras a proxección do documental, que conta coa colaboración co Departamento de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, abrirase un debate – coloquio para aquelas persoas que querían participar.
O sábado 7 de novembro, o Auditorio Municipal acollerá a partir das seis da tarde a obra de teatro Inquisítame outra vez a cargo do grupo Lume Escénico. Trátase dunha comedia na que se reinventan os episodios máis escuros da nosa historia, pasándoa pola peneira do humor para convertela noutra cousa. Un repaso humorístico á persecución ao diferente, ao que pensa ou actúa distinto, á falsa superioridade moral, aos inventos e aos bulos… Unha trama ambientada no pasado pero presente no presente. Esta actividade está enmarcada dentro dos Circuítos de Teatro Afeccionado na nosa provincia organizados pola Área de Cultura, Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial en colaboración co Concello de Quiroga.

O luns día 9 a Casa da Cultura acollerá o espectáculo de música e humor a cargo do humorista Pepo Suevos e do músico Dani Dopazo, Aínda estamos de festa, unha combinación de humor galego, cancións de sempre, recordos e participación do público. Este espectáculo forma parte da programación de O Teu Xacobeo, da área de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
O martes día 10, formando tamén parte de O Tu Xacobeo, chega da man de Antonio Barros e Ialma a actuación musical O Camiño de Vieiras Amarelas. Mesturando a vieira, como símbolo do Camiño de Santiago e o camiño de baldosas amarelas de El Mago de Oz, o espectáculo musical recorrerá diferentes puntos de Galicia combinando territorio, patrimonio e memoria.
O mércores 11 de novembro, propio día de San Martiño e festa local en Quiroga, os actos comezarán ás once da mañá coa celebración dos actos relixiosos, nos que a imaxe do santo homenaxeado recorrerá a zona da praza Maior. Precisamente nesta zona será onde se leven a cabo as actividades desta xornada. A partir das sete da tarde magosto e viño novo para todos os asistentes acompañado da música do DJ Michel.