
A Federación Galega de Natación vén de facer pública a puntuación lograda polos clubs tras a primeira xornada da Liga galega máster que se celebraba en Ponteareas. Así, na clasificación inicial e xeral da tempada, cun total de 28 clubs, o Natación Valdeorras sitúase nun décimo posto cun total de 168,5 puntos.
Por categorías, na clasificación feminina o club valdeorrés sobe ata o posto oitavo, cun total de 90,5 puntos, mentres que na masculina colócase no posto 12 con 78 puntos.
Dende o Club Natación Valdeorras fan un balance moi positivo. “Ten sido un inicio fantástico a verdade, nunca empezaramos na parte alta da táboa. Como vén sendo costume, as mozas volveron a marcar a dirección obxectivo: terminaron no posto 8, mentres que os mozos quedaron no posto 12. As mozas tiran do carro con cabeza e constancia do equipo”, resalta o seu adestrador, Jorge Espinosa.
Fotos cedidas.
