Na mañá deste xoves 5 de novembro a CIG Valdeoras celebraba unha asemblea aberta para informar sobre a folga xeral do 11 de novembro, coa presenza do secretario nacional, Paulo Carril e da secretaria local, María Carmen Calvo.
A reunión tiña lugar no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco de Valdeorras, onde explicaron que a convocatoria da folga faise baixo o lema “Galicia en loita por unha vida digna”, polo “medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando a ruína o pobo e as clases traballadoras galegas”; porque “a vivenda é un dereito fundamental para todas as persoas pero a especulación converteuna nun luxo inacesibel para a maioria social”, e un longo etcétera.
Unha realidade fronte á cal “o capital segue enriquecéndose de forma imparábel, obtendo beneficios astro-nómicos. O IBEX 35 fulmina resultados e as empresas chegan a cifras nunca antes rexistradas. Velai os últimos datos feitos públicos polas empresas enerxéticas, os bancos ou as do sector do comercio da alimentación, etc. As respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social, tendo nula disposición a tomaren medidas contra o capital. A presión exercida polas grandes empresas sobre os mercados con manobras especulativas permitelles seguir controlando os prezos e aumentar a súa marxe de ganancia, facendo que os seus beneficios sigan sendo cada vez máis extraordinarios”.

Motivos polos que dende a CIG aseguran que “hai que dar un paso adiante e comprometerse para que sexa maior a capacidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas, atraves da loita social, as que impidamos, como até o de agora, que vaian a máis estas derivas españolistas e reacionarias. Compre ir a máis na resposta que levamos meses promovendo, coas folgas en moitos convenios colectivos, e avanzar coa convocatoria de Folga Xeral para o 11 de novembro”.
A mobilización no Barco está convocada para as 12 horas na praza do Concello; á mesma hora na praza do Concello de Verín; e ás 11 horas no Edificio Sindical en Ourense.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.