“Seguiremos xoves tras xoves, non imos parar. O que queremos é un servizo de Neumoloxía para Valdeorras”. Unha semana máis, a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) levaba á rúa a súa demanda nunha nova concentración que se celebraba neste 5 de novembro, ás 11h., diante do Hospital Público de Valdeorras, no Barco.
O presidente da asociación, Jose Rodríguez, agradecía a participación e os apoios que están recibindo á súa demanda e tamén daba conta de novidades como a resposta que recibían a un dos seus escritos dirixidos á administración. “Despois de dous anos recibimos resposta da Dirección Xeral de Saúde Pública, nós pedíamoslle a realización dun estudo de prevalencia para coñecer a incidencia da silicosis na comarca, e a resposta que nos dan é favorable”, anunciaba o presidente, quen acollía de maneira moi positiva esta resposta, se ben tamén recoñecía que seguen esperando contestación doutros escritos presentados a Consellería de Sanidade ou á dirección do Distrito Sanitario do Barco.
Fotos e vídeos cedidos.