SanidadeÚltima hora

Máis de 600 coidadores participaban nos obradoiros de apoio ao seu labor esencial promovidos dende Enfermería de Primaria

O 81 % das asistentes aos talleres son mulleres que contan cunha dispoñibilidade aos coidados de entre 13 e 24 horas normalmente no entorno familiar

A enfermeira Susana Fernández Leon, hoxe na mesa informativa situada no centro de Saúde de O Barco.

 

Os equipos de enfermería de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras organizaron, no que vai de ano, 65 obradoiros de saúde comunitaria destinados a dar orientación e apoio ás persoas coidadoras, nos que participaron 659 ourensáns que desenvolven este papel esencial no coidado de pacientes fráxiles, inmobilizados ou vulnerables, aos que se dedica o Día Internacional das Persoas Coidadoras, que se conmemora hoxe.

A formación ofertada nos diferentes servizos de Atención Primaria abrangue desde os coidados da pel, a alimentación e a hixiene bucodental ata os primeiros auxilios e a prevención e actuación ante un atragoamento. O programa tamén incluíu andainas e sesións de orientación sobre, recursos útiles ou trámites administrativos.

O Servizo de Atención Primaria de Valdeorras impulsou o maior número de obradoiros, promovidos pola enfermeira Susana Fernández León, do Equipo de Soporte de Atención Domiciliaria do Barco e Trives, que contaron coa participación de profesionais do nutrición e hixiene bucodental.

Para a subdirectora de Enfermería de Atención Primaria, Verónica Civeira, os obradoiros ademais de dar apoio ás persoas coidadoras, tamén serven para detectar novas necesidades, e están na base de algunhas acciones formativas organizadas, como por exemplo unha sesión específica de consellos e técnicas para previr os atragoamentos e a saber como actuar cando se producen.

Civeira subliña o papel esencial das persoas coidadoras, o 81% de mulleres, e destaca o traballo dos equipos de Atención Primaria «que achegan esta formación a onde é necesaria, adaptando horarios e contidos para facilitar a accesibilidade e a participación».

Perfil das persoas coidadoras en Ourense

Nos obradoiros realízanse enquisas que axudan a establecer desde o perfil das persoas asistentes, como a súas necesidades ou satisfacción e utilidade polas materias abordadas. Así tendo en conta as respostas das persoas que responderon á enquisa, os grupos de idade máis frecuentes situanse entre os 60 e 69 anos ou entre 50 a 59, aínda que tamén houbo participantes de 70 a 79 anos e de 80 ou máis.

A gran maioría das persoas adica aos coidados entre as 13 e as 24 horas, e a súa situación laboral é a xubilación ou desemprego. Os coidados prestanse especialmente no ámbito familiar, principalmente a pais, nais ou á parella, pero tamén a fillos, fillas ou outros familiares.

A satisfacción xeral e a disposición a recomendar a actividade a outras persoas acadaron, foi moi alta, de 4,9 sobre 5. Destacando a claridade das explicacións, a resolución de dúbidas e o carácter ameno das sesións recibiron a mesma puntuación.

Coidar tamén a saúde de quen coida

A dedicación continuada ao coidado doutra persoa pode provocar sobrecarga, un desgaste físico e emocional, que aparece cando as esixencias superan os recursos e apoios dispoñibles. O cansazo persistente, os problemas de sono, as dores musculares, a ansiedade, a tristeza ou a irritabilidade son algúns dos sinais de alerta. A falta de tempo tamén pode levar a descoidar a propia saúde e a reducir as relacións sociais e as actividades persoais.

Apoiar as persoas coidadoras implica facilitarlles formación práctica, acompañamento profesional e axuda para compartir as tarefas e dispoñer de descanso. Estes recursos contribúen a protexer a súa saúde, e a manter os coidados no tempo.

Os obradoiros de Atención Primaria permiten resolver dúbidas e adquirir coñecementos para afrontar o día a día, pero resulta imprescindible manter o contacto cos centros de saúde para coidar a propia saúde, consultar as dificultades e pedir axuda ante os primeiros sinais de sobrecarga.

Complementando a atención de proximidade, este mesmo ano, publicouse unha Guía para persoas coidadoras, elaborada por un equipo de Atención Primaria , e que contou co apoio da Deputación de Ourense. A publicación ofrece orientación sobre alimentación, hixiene, mobilización das persoas dependentes e actuación ante emerxencias. Inclúe tamén pautas para xestionar o estrés e coidar da propia saúde emocional. A guía pode consultarse en liña.

Back to top button