
A estrada OU-406 recuperou a normalidade na circulación este xoves pasadas as 14.00h, unha vez rematada a intervención para resolver os danos provocados polo impacto dun camión no paso inferior do ferrocarril. Así o vén de comunicar o Concello de Ribadavia. “O traballo conxunto e sen descanso do Concello de Ribadavia e ADIF permitiu solucionar en apenas tres días unha incidencia para a que os técnicos estimaban inicialmente un prazo de arredor dun mes”, indica esta administración local.
A reapertura permite recuperar un punto vital para a mobilidade de Ribadavia. Ademais de constituír unha das entradas á vila e un enlace coa N-120, esta estrada dá acceso ao pavillón do Consello e á estación de autobuses, polo que o seu peche afectaba tanto aos desprazamentos da veciñanza como ao acceso a estes equipamentos.
Desde o momento do suceso, o Concello “mantivo unha coordinación constante con ADIF para axilizar a intervención e restablecer o tráfico canto antes. O propio alcalde, César Fernández, estivo a pé de obra en todo momento e con especial implicación durante esta última noite e as primeiras horas desta mañá, cando se intensificou o operativo. A implicación de ambas as partes e o traballo continuado durante estas xornadas resultaron determinantes para reducir os prazos previstos e recuperar este acceso coa maior rapidez e coas necesarias garantías de seguridade”, segundo o goberno local.
O corte produciuse o pasado martes, 3 de novembro, despois de que un camión golpease coa súa grúa a estrutura do paso inferior, provocando danos e desprendementos que obrigaron a interromper a circulación. Nun primeiro momento, técnicos de ADIF e da Axencia Galega de Infraestruturas avaliaron o alcance dos danos e as medidas necesarias para asegurar a zona.
A actuación incluíu a retirada das trabes danadas mediante un guindastre de grandes dimensións. Para permitir a súa instalación, durante a madrugada deste xoves ampliouse o corte desde o convento de San Francisco, pola rúa Baixada ao Consello, ata o entronque coa N-120. Os traballos tamén fixeron necesario apagar temporalmente o alumeado público na contorna do paso inferior e interromper a subministración de auga na rúa Irmáns Álvarez Araújo, na zona da estación de autobuses.
O Concello de Ribadavia agradece o esforzo e a colaboración de todas as persoas que participaron na resolución desta incidencia, especialmente o traballo desenvolvido por ADIF en coordinación coa Administración local. Así mesmo, agradece á veciñanza a súa comprensión ante os cortes de tráfico, as interrupcións dos servizos e as molestias ocasionadas polos traballos, tamén durante a noite.