Por unanimidade resultaba aceptada no pleno do Barco deste 5 de novembro a proposta da alcaldía de iniciar o expediente para nomear a Abdón Blanco García, que asumía o cargo de alcalde do Barco en xuño de 1936 e que era vítima da represión franquista, “Alcalde Honorario”. A sesión contaba coa presenza da filla de Abdón Blanco, María Ángeles, así como de familiares e dun grupo de persoas que apoiaban a iniciativa.
Este político e comerciante, nado na vila barquense en 1899, era elixido alcalde do Barco no mes de abril de 1936 (despois da dimisión de Euloxio Gavela Vega e a asunción da alcaldía provisional de Manuel Blanco Pascual), resultou detido o 21 de xullo do mesmo ano na Casa do Concello, de onde se negara a fuxir, e conducido a Ourense, onde foi xulgado en Consello de Guerra Sumarísimo, e posteriormente executado, segundo se lembraba na sesión plenaria.
Era a voceira do grupo socialista, Margarida Pizcueta quen explicaba a proposta da alcaldía, unha “proposta de memoria, de dignidade e de recoñecemento”. A concelleira aseguraba que Abdón Blanco foi un “veciño comprometido coa súa vila, que asumiu a responsabilidade de dirixir o Concello nun momento especialmente difícil da nosa historia. Tras o golpe militar de xullo de 1936, valentemente e crendo firmemente nos valores democráticos, negouse a abandonar o seu posto, foi detido, sometido a un consello de guerra e executado en Ourense xunto con 132 persoas máis, no Campo de Aragón o 10 de novembro dese mesmo ano. Tiña tan só 38 anos e deixaba unha muller e dúas fillas. A súa historia é tamén a historia dunha familia marcada pola violencia e polo silencio, como aconteceu con tantas outras familias deste concello e de moitos outros. É esa a historia que hoxe máis que nunca merece ser contada e recoñecida”.

Pizcueta sinalaba que “non podemos cambiar o que aconteceu hai 90 anos, pero si podemos decidir que lugar ocupa hoxe esa historia, na memoria colectiva do noso pobo”. Lembraba ademais que iso se fai coincidir co aniversario da súa morte o vindeiro 10 de novembro, ás 13h., hora que era fusilado. “O nomeamento como alcalde honorario é un xesto simbólico pero os símbolos tamén importan” e “unha institución democrática tamén debe saber recoñecer a súa propia historia, tamén nos seus capítulos máis dolorosos como é neste caso”. E finalizaba indicando que o que se acordaba no pleno era iniciar o expediente e designar ás persoas responsables da súa instrución e secretaría e para que siga o procedemento establecido.
Ademais, anunciaba que na vindeira semana, coincidindo co 90 aniversario da morte de Abdón Blanco, o 10 de novembro se realizará un pequeno acto de homenaxe no cemiterio do Barco, na tumba onde está actualmente soterrado. Máis adiante continuarán os recoñecementos coa colocación dunha placa na súa casa.
Dende o grupo municipal do BNG, Manuel Agra, expresaba a súa satisfacción por esta iniciativa. “Abdón Blanco, como tamén os outros represaliados, merece este título e moito máis. Sinala o investigador barquense, Félix García, no seu libro “Síntese da historia do Barco”, que en pouco máis de tres anos foron doce os veciños “paseados”. O que abriu a lista foi o ebanista italiano Rafael Mostellori, a quen xa o 25 de xullo un grupo de falanxistas locais mataron na Casaqueimada de Calabraqueiros. Seguíronlle o avogado galeguista Segundo García; Manuel García Fariñas, de Forcadela; os imáns Xoán e Dositeo Guntiñas; Salustiano Ojea, Ánxel Alba, Hilario Vázquez, Xosé Paradelo Rodríguez, Antonio Vega Armesto e Martín Rodríguez. Afirma Félix que en Ourense se celebraron durante o mesmo período de tres anos 26 consellos de guerra nos que xulgaron a 43 barquenses. As sentenzas foron desde vinte anos de cadea, ata a pena de morte, pasando pola reclusión perpetua. Oito acabaron fusilados no campo de Aragón do cemiterio de San Francisco de Ourense. Entre eles, o alcalde Abdón Blanco e o tenente de alcalde Xerardo Rodríguez, de Vilanova. Tamén os mozos da vila Leopoldo Fernández e Valentin Trobajo. No período que vai desde novembro de 1939 a 1952 son 20 as mortes contabilizadas”, indicaba o concelleiro, concretando os nomes desas persoas.

Agra tamén recollía as palabras de Félix García, sobre que a Casa do río Cigüeño “converteuse no centro de tortura e represión comarcal. Polas súas adegas pasaron moitos dos que co tempo aparecían nas gabias das estradas da comarca. Debera ser declarado Lugar da Memoria Democrática. Para cumprir coa Lei de Memoria Democrática de 2022, habería que retirar algún nome de rúa céntrica e dalgún colexio”.
Finalmente o edil do BNG aseguraba que “Abdón Blanco merece, como diciamos, todas as homenaxes posibles: alcalde honorario, placas que nos recorden o seu nome, monumentos e tamén dar a coñecer a súa figura entre a poboación barquense. Corren malos tempos para as ideas que defendían os represaliados de Valdeorras. Tócanos a nós facer que non se apaguen e que non se silencien”.

Dende o grupo municipal do PP, o seu voceiro, Antonio Melo, anunciaba así mesmo o seu apoio ao inicio deste expediente, “o único que pedimos é que non se dilate no tempo, que non haxa problemas burocráticos para que este procedemento non se alongue no tempo”.
Finalmente o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, incidía en que “nós trataremos de que o procedemento dure o menos posible e que canto antes o pechemos mellor. O único que nos queda hoxe é felicitarnos por esta unanimidade deste pleno do Concello do Barco. “Pechamos hoxe un círculo que desgraciadamente se abriu hai 90 anos e que nunca se debería ter aberto”. A súa intervención daba paso a un aplauso e á votación do punto, que lograba os votos a favor dos concelleiros do PP, do BNG e do PSdeG-PSOE.
No pleno tamén se abordaban, entre outras cuestións, unha modificación de orzamento do Concello mediante suplemento de crédito financiado con remanente de tesourería para gastos xerais por importe de 755.500 euros, que saía adiante unicamente cos votos a favor dos concelleiros socialistas, xa que tanto o BNG como o PP, optaban pola abstención, tendo en conta os informes desfavorables de intervención.
Tamén resultaba aprobada, pero por unanimidade, unha moción do BNG para “blindar e avanzar en dereitos e garantir o aumento das prestacións económicas periódicas ás vítimas da violencia de xénero”. En cambio resultaban rexeitadas dúas mocións presentadas polo PP, unha relativa á situación dos parques infantís do municipio e á súa mellora e outra sobre seguridade.
Fotos: O SIL.