En portadaÚltima hora

Máis de 300 persoas toman a saída na XX Andaina de Outono do Barco cunha lembranza especial a Dina Campazas

 

Dende o pavillón polideportivo de Calabagueiros poñíase en marcha ás 9h., despois dunha breve presentación, a XX Andaina de Outono do Barco, que nesta edición superaba os 300 participantes. O presidentedo Club Peña Trevinca Barco, Miguel de la Cal, detallaba os percorridos desta edición e os seus desniveis aos xendeiristas da Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, León ou Cantabria, que se sumaban a esta proba, organizada polo citado club e polo Concello, e que ademais é puntuable para a Liga Galega de Sendeirismo.

 

 

Os participantes podían elixir entre dúas rutas: unha longa, cun recorrido de 25 quilómetros  e outra curta, de 15 quilómetros. En ambos casos os camiñantes dirixiranse cara a pasarela verde do Malecón do Barco e logo continuarán por Viloira, subindo despois cara a fonte está preto de Alixo e logo ata Santigoso. No caso da andaina longa, continuarase ata Santa Mariña, e despois farase a baixada pola Escrita ata Viloira, segundo a organización.

 

 

No referente á andaina curta, na zona de Santigoso, “xirarase á dereita por unha nave, e logo virase de novo para Vilariño e báixase para O Barco. O circuíto ata Alixo, non o fixemos nunca, está moi ben, a primeira parte ten subida, logo unha subida moi levadeira, logo é todo practicamente baixada”, segundo os promotores da proba.

 

 

Na presentación tamén tomaba a palabra o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, que sinalaba que pese ás pendentes desta edición, íase poder desfrutar dunha fermosa paisaxe.

 

 

Ademais antes da saída, rendíaselle unha fermosa e pequena homenaxe a Dina Campazas, tesoureira do club falecida hai dúas semanas, cun sentido aplauso.

 

 

A andaina concluirá, como en edicións anteriores, cun xantar dos participantes previsto para as 15h. no pavillón e no que o menú, por petición deles mesmos, será o de anos anteriores: arroz con botelo. No seu decurso tamén se entregarán diplomas nos cales tamén fai unha pequena homenaxe “á nosa tesoureira, Dina”.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

Back to top button