Manzaneda vén de celebrar neste domingo 8 de novembro o seu tradicional Xantar de Magosto, unha xornada de convivencia arredor da gastronomía, a música e das tradicións populares. A organización corría a cargo da Asociación Cultural A Trabe, cuxos membros se encargaban tamén dos traballos de preparación e servizo da comida, nunha xornada que reuniu a numerosos veciños e participantes.

O menú incluía empanada, chourizo cocido, costela asada, castañas, bica e café. A sobremesa estivo acompañada pola música dos acordeonistas locais Airiños da Porta Falsa.
Como é habitual, tampouco faltaba a degustación e a particular competición amigable entre os viños e as augardentes achegados polos asistentes, cada quen defendendo os produtos da súa casa.

Esta é unha cita que, ano tras ano, contribúe a manter vivas as tradicións e fortalecer a convivencia e os vínculos entre a veciñanza.
Fotos e vídeos cedidos.