OurenseÚltima hora

Desarticulada unha organización criminal dedicada á distribución de falsificacións na provincia de Ourense

No marco da “Operación MALABIS” coordinada por EUROPOL, a Garda Civil e a Garda Nacional Republicana de Portugal detiveron a seis persoas

 

A Garda Civil e a Garda Nacional Republicana de Portugal no marco da “Operación Malabis”, coordinada por EUROPOL veñen de desarticular unha organización delituosa transnacional especializada na introdución, almacenamento e distribución almacenista de xénero falsificado por todo o territorio nacional.

Na operación foron detidas seis persoas como presuntos autores de delitos contra a propiedade industrial, pertenza a organización criminal, falsidade documental e branqueo de capitais. A investigación foi dirixida polo Tribunal de Instancia Praza 1 de Xinzo de Limia e a Fiscalía de Ourense, que emitiron as correspondentes ordes europeas de investigación para coordinar a explotación simultánea do dispositivo a ambos lados da fronteira.

As investigacións levadas a cabo de forma conxuta por ambos os corpos permitiron pescudar que os integrantes do grupo criminal coordinaban a actividade comercial, contactos con intermediarios e vendas desde as localidades de Verin e Xinzo de Limia (Ourense), tendo deslocalizado ao norte de Portugal a maioría da parte loxística para encubrir as súas actividades e dificulta o control policial.

 

 

Practicáronse doce rexistros: catro en Verín, dous en Xinzo de Limia, un na Gudiña e cinco en Portugal. Para a distribución do xénero a compradores de toda España, a rede combinaba transportes terrestres propios con continuos envíos a través de  empresas de paquetería urxente, abastecendo a locais comerciais independentes e bazares que actuaban como puntos de venda final receptores da mercancía, segundo informa a Garda Civil.

Os efectos intervidos (máis de 109.000 efectos) destacaban pola súa extraordinaria calidade de reprodución, tanto nos materiais empregados, como nos seus acabados e elementos identificativos de marca, incluíndo códigos QR clonados, e cuxo valor de mercado supera os 10 millóns de euros.

O rendemento ilícito xerado por este entramado delituoso estímase ao redor dos 20 millóns de euros anuais, mediante a venda almacenista de roupa, calzado e complementos falsificados. No dispositivo participaron 147 axentes da Garda Civil e da Guarda Nacional Republicana, coordinados por EUROPOL e a Unidade Técnica de Policía Xudicial da Dirección Xeral da Garda Civil.

Os seis detidos foron postos ao dispor xudicial que decretou o seu ingreso en prisión.

 

Back to top button