O Conservatorio Profesional de Música de Ourense celebrará os vindeiros martes 17 e mércores 18 de novembro unha das datas máis significativas do calendario musical, a festividade de Santa Icía, patroa da música, cunha programación que reunirá alumnado e profesorado do centro e á Orquestra de Grao Profesional.
A primeira das citas terá lugar o martes ás 19 horas, no Auditorio do CMUS de Ourense, cun concerto no que participarán alumnado e profesorado do conservatorio. A programación continuará o mércores ás 18:50 horas, no vestíbulo do conservatorio, cunha actuación da Orquestra de Grao Profesional do CMUS de Ourense.

Con esta celebración, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense quere reivindicar o “valor da música como expresión cultural e artística, así como a importancia dos conservatorios públicos na formación musical, na difusión da cultura e na dinamización da vida cultural da cidade”.
Por iso o CMUS de Ourense convida a toda “a cidadanía a participar nestas celebracións e a acompañar o alumnado e o profesorado nestas dúas citas musicais”.