
No mediodía deste sábado 14 de novembro, unha persoa era trasladada tras caer dun sétimo piso na Rúa da Coruña, en Ourense. “A caída produciuse cando a persoa ferida trataba de pasar dun piso a outro trala perda dunhas chaves”, explican dende o 112 Galicia, indicando que foi un familiar quen contactou co servizo de emerxencias para pedir axuda, “seu pai caeu desde un sétimo piso a un patio de luces, no primeiro andar”.
Ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Ourense co fin de facilitar o acceso do equipo médico ao ferido. “Debido á estreiteza do paso cara ao patio de luces, os efectivos do parque municipal deberon utilizar a súa propia padiola para conducir a persoa ferida ata onde agardaba a dotación sanitaria”, explican dende o 112, asegurando que “presentaba múltiples fracturas”.
Os axentes da Policía Local e Nacional completaron este operativo de asistencia e rescate.