
A Policía Local de Ourense detivo o presunto autor dun roubo con forza nunha perfumaría na rúa de Ramón Puga. A rápida intervención dos axentes municipais permitiu localizar e deter a persoa que presuntamente fracturara o escaparate do comercio. O corpo municipal tamén colaborou nun dispositivo relacionado cun roubo nun local hostaleiro do barrio da Ponte.
A primeira das intervencións iniciouse despois de que a sala de comunicacións recibise o aviso dunha testemuña que alertaba da presenza dun individuo que golpeaba cun machado o escaparate do negocio. Unha patrulla desprazouse inmediatamente ao lugar, onde os policías comprobaron que o cristal presentaba danos e un burato provocado polos golpes. Grazas á información facilitada pola testemuña e á rápida coordinación dos efectivos, os axentes iniciaron a busca do sospeitoso polas rúas próximas.
Pouco despois, localizaron un individuo que trataba de abandonar precipitadamente a zona pola rúa Álvaro Cunqueiro. Os axentes conseguiron interceptalo e proceder á súa detención. Paralelamente, outra patrulla realizou unha inspección dos arredores e conseguiu localizar, ocultos detrás dunha sebe, diversos obxectos relacionados co roubo.

Entre os efectos recuperados atopábanse un machado, un punzón, un desaparafusador, varias pezas de roupa, tres envases de colonia e unha pequena lanterna. A operación permitiu recuperar os efectos presuntamente subtraídos e pór o detido á disposición da Policía Nacional para continuar as dilixencias correspondentes.
Colaboración policial na detención dun presunto ladrón na Ponte
Noutra actuación relacionada coa seguridade dos establecementos comerciais e hostaleiros, axentes municipais colaboraron nun operativo que rematou coa detención dun individuo acusado de subtraer tres teléfonos móbiles do interior dun bar do barrio da Ponte.
Neste caso, a operación foi desenvolvida por efectivos da Policía Nacional, que, tras recibir un aviso sobre unha posible entrada nun local pechado ao público, comprobaron que a persiana de acceso fora forzada. A busca realizada polos axentes permitiu localizar o presunto responsable nas inmediacións do establecemento. O individuo levaba ocultos nunha mochila os tres teléfonos móbiles subtraídos, que puideron ser recuperados.