
Tras unha semana en México, os 16 representantes da A.C. Entroido as Bonitas de Sande (Cartelle) xa están de regreso en terras galegas. Representantes do Entroido de Sande, Concello de Cartelle, pero tamén representates galegos e nacionais no Festival de Máscaras Danzantes que se levou a cabo en Orizaba, Veracruz, México.
Unha experiencia única na que as Bonitas, acompañadas polo Oso e a Vaca (e unha representación de avutarda e o Meco), amosaron a nosa tradición, cultura, lingua e, por suposto, música, ante milleiros de persoas e máscaras chegadas de toda Suramérica e, como segundos representantes europeos, Bulgaria.
Durante a estancia no país azteca, o grupo puido coñecer lugares turísticos dos arredores, costumes, tradicións, participar en conferencias, gravacións con medios de comunicación, recepción por parte das autoridades… ata os días grandes de desfile que, debido a gran repercusión se dividiron en tres xornadas, participando o grupo das Bonitas de Sande, en dúas delas.
“Estamos moi contentos e orgullosos de poder ir co noso Entroido dunha humilde aldea galega ata México, e amosarlle a riqueza da nosa tradición. Recoñezo que íamos con certa inquedanza pola magnitude do evento, pero a acollida moi impresionante. O interese da xente, alá por onde íamos de saber más de onde íamos, o porque do noso traxe, o Oso, a Vaca… fainos sentir que o Entroido e as máscaras teñen unha relevancia e repercusión internacional impresionante. Os aplausos continuos, as fotos, os ’Viva España’ e ‘Viva Galicia’, xente migrante no país que quería compartir contigo os seus recordos… Non teño palabras”, comenta Antonio Sousa, participante no evento e membro da A.C. Entroido As Bonitas de Sande.

Palabras que tamén lle custan para expresar o agradecemento do convite e a acollida recibida, “o trato recibido por parte da organización, foi realmente increíble, coidándonos con agarimo en todo momento para que nos sentíramos como na casa. E tamén resaltar a implicación das autoridades que presumen e lle dan a este Festival de Máscaras unha importancia que eleva as mascaradas ao máximo nivel”.
O grupo recibiu unha acreditación da súa participación no evento, e un traxe completo de Bonita, coa súa máscara, gorro e indumentaria característica permanecerá para sempre no museo, sumándose á colección que recolle 70 pezas provintes de diferentes rexións que son testemuña da identidade cultural. “Entregamos á organización e autoridades o traxe sobre o escenario ante milleiros de persoas ás que nos une o nexo das máscaras e o goce da tradición”.

En datos
A sexta edición do Festival de Máscaras Danzantes tivo lugar do 13 ao 15 de novembro e contou con máis de 2.000 danzantes, aorredor de 300 músicos tradicionais e representantes de 17 estados da República Mexicana, ademais de seis países convidados (de Europa, Bulgaria e España coas Bonitas de Sande, Cartelle).
Paralelamente tivo lugar o Foro Nacional de la Máscara, instaláronse ducias de pavillóns artesanais e gastronómicos, houbo talleres impartidos por mestres mascareiros, exposicións e conferencias.
