
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, recibiu en Ecuador o recoñecemento Top100 Líderes Innovadores LATAM, que o distingue como “un dos cen líderes innovadores da selección”. O premio e a participación do rexedor en tres foros internacionais dan continuidade ao traballo do Concello por situar San Xoán de Río no mapa “como referente de innovación no rural e por levar a experiencia dun pequeno municipio galego a espazos de referencia na cooperación internacional”.
No Ibero IA Summit, Pérez participou nun foro que reuniu representantes de empresas e institucións, profesionais do sector tecnolóxico e especialistas para abordar o impacto da intelixencia artificial na economía, no emprendemento e na sociedade. O alcalde asistiu tamén ao Encontro Internacional Innovatec, celebrado en Guayaquil, onde universidades, reitores e responsables académicos abordaron o papel da transferencia de coñecemento e do emprendemento universitario no desenvolvemento dos territorios. A axenda institucional dos días 9 e 10 de novembro recolleu propostas de reunións bilaterais con representantes de universidades, entidades tecnolóxicas e organizacións empresariais de seis países. Entre os temas propostos figuraron a transformación dixital dos concellos, a transferencia tecnolóxica, o emprendemento e a cooperación académica internacional.
A viaxe incluíu ademais a participación en REALCUP 2026, un encontro de cooperación entre responsables da educación superior. A Rede de Asociacións Latinoamericanas e Caribeñas de Universidades Privadas reúne 16 asociacións de 13 países e abrangue 1.428 institucións universitarias.
