O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, vén de ser o encargado de pronunciar na tarde deste 21 de novembro o pregón da LV edición do Belén de Begonte, unha cita emblemática do Nadal galego á que se referiu como exemplo de autenticidade, tradición e dinamización turística do rural.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacaba a capacidade desta iniciativa para atraer visitantes ao interior de Galicia e contribuír á actividade económica da contorna. Neste sentido, afirmou que Begonte leva décadas facéndoo a través da aposta polo que identifica este territorio, entre o que figura, a celebración do Nadal. Ademais, subliñou que o turismo de calidade non depende do tamaño dun lugar, senón da autenticidade das experiencias singulares e dos valores que transmite.

O director de Turismo de Galicia tamén puxo en valor o recoñecemento do Belén como Festa de Interese Turístico de Galicia e o seu papel na difusión dos oficios, os costumes e a identidade galega. Neste sentido, asegurou que é un museo vivo dos oficios, das casas e dos costumes de Galicia e desta Terra Chá.
Xosé Merelles aproveitou tamén para lembrar a figura de Jesús Domínguez Guizán, recentemente falecido e un dos impulsores do Belén durante catro décadas, e trasladou o compromiso da Xunta na súa aspiración de conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.