
Na mañá deste sábado 21 de novembro dende sindicatos como CIG-Ensino e CCOO-Ensino informaban de que varios centros se puxeran en contacto con eles para trasladarlles a falta de persoal nos seus comedores. “Ante a falta de cobertura dos postos de cociña, o persoal laboral dos comedores, os equipos directivos e o profesorado tiveron que sacar adiante o servizo con solucións de urxencia”, explican, asegurando que nalgúns casos, “houbo que substituír o menú habitual por bocadillos, froita e auga. Noutros, pediuse ás familias que o alumnado trouxese o xantar da casa. A situación é especialmente complicada nos centros con xornada partida e sen transporte escolar ao mediodía, onde moitas familias dependen do comedor”.
Aseguran que esta situación xa se deu noutras ocasións, cando quedaron sen cubrir baixas do persoal de cociña. “Algúns centros tiveron que recorrer a restaurantes ou empresas de cátering para servir o xantar, co conseguinte gasto a cargo do orzamento do propio comedor”, din, destacando que a falta de cobertura prexudica aínda máis os centros do rural.
É o caso do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá cuxa ANPA denuncia a falta de previsión e o abandono dos comedores escolares no rural. “Non se pode saber que vai haber un problema, non facer nada para evitalo e despois deixar que sexan os centros educativos e as familias quen busquen as solucións”, din a través dun comunicado emitido esta misma mañá, no que manifestan publicamente “a nosa máis profunda indignación e descontento pola situación que estamos a vivir no comedor escolar do noso centro”.
Despois de moito tempo sen oposicións relacionadas co servizo de cociña escolar, no curso 24/25 houbo un concurso de traslados no que participou a cociñeira do colexio de Rubiá, entre outros moitos servizos e centros, pero non se resolvía ata este curso (26/27) concretamente o 30 de outubro, sendo ese día, cando se enteraban dos destinos do persoal de cociña. “A nosa cociñeira marchaba para A Rúa e para o noso colexio viña en teoría unha persoa que estaba de baixa co cal non se podía incorporar”, explica o propio director que se poñía en contacto cos responsables por parte da Administración que lle respondían que “había que esperar polo substituto porque se trata dun proceso selectivo polo que tiñan que tirar de listas”. O problema, segundo conta o director do colexio de Rubiá “é que nesta zona non hai persoal de cociña nas listas polo que tiñan que esperar a que se fixeran efectivos os cambios de persoal e ver se algunha das persoas que estaban substituíndo nese momento podía vir, pero a día de hoxe aínda non se sabe nada, co cal non temos o servizo asegurado e dinnos que busquemos alternativas ata que se resolva”. Nós o que denunciamos “é que sabían que isto ía pasar, que nas listas non hai xente, e que estamos a metade de trimestre e as cousas podíanse ter feito doutro xeito, ter falado co SEPE e mirar moitas cousas para garantir un servizo de cociña mentres reorganizan o sistema, como abrir as listas de contratación en vez de telas pechadas por zonas porque ao final as rurais como este caso son as perxudicadas xa que non van ter persoal”, di o director.
Dende a ANPA ratifican que “o que máis nos indigna non é só a falta de persoal, senón que esta situación xa se coñecía dende había días e, a pesar diso, non se tomou ningunha medida eficaz para evitala. Parécenos unha absoluta falta de responsabilidade que, en pleno curso escolar e a metade de semana, se deixe un centro educativo nesta situación, sabendo de antemán que non habería persoal suficiente para garantir o funcionamento do comedor. Sabíase o que ía pasar. Sabíase cando ía pasar. E, aínda así, deixáronnos tirados. Unha vez máis, son os equipos directivos, o profesorado e as familias quen teñen que buscar solucións de urxencia para que os nenos e nenas non queden sen un servizo esencial”.
Recoñecen que “non é xusto que un centro educativo teña que asumir responsabilidades que non lle corresponden nin que a continuidade dun servizo tan importante dependa da boa vontade e do esforzo de persoas que xa teñen as súas propias obrigas. E, sobre todo, non é xusto que os nenos e nenas do rural sexan os que sufran as consecuencias desta falta de previsión. Estamos cansos de que vivir no rural pareza significar ter que loitar constantemente por servizos que deberían estar garantidos. Non pedimos privilexios. Pedimos respecto, responsabilidade e igualdade de oportunidades para os nosos fillos e fillas”.
Así pois esixen “aos organismos responsables unha solución inmediata e estable, que garanta o funcionamento do comedor escolar sen trasladar os problemas económicos e organizativos aos centros e ás familias”, din, agradecendo especialmente “o esforzo do equipo directivo e do profesorado, que, ante esta situación, están facendo todo o posible para que o alumnado non se vexa prexudicado”.