ConcellosQuirogaÚltima hora

O Servizo de Atención Temperá agrupado de Quiroga vén de retomar a súa actividade

Ademais de por Quiroga, está intregrado polos Concello de Ribas de Sil, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Bóveda, Sober, O Saviñao e Pantón

Cedida.

 

O Servizo de Atención Temperá agrupado de Quiroga, que integran ademais deste concello, o Concello de Ribas de Sil, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Bóveda, Sober, O Saviñao e Pantón, retomaba a súa actividade habitual este luns 23 de novembro.

A nova bianualidade do servizo comprende o período que vai do 1 de novembro de 2026 ao 31 de outubro de 2028 e a resolución na que se concede subvención a este SAT agrupado de Quiroga foi publicada no DOG con data 30 de outubro de 2026.

“O Concello de Quiroga iniciou a principios de outubro os trámites para o correspondente proceso de selección dos profesionais que traballarán no servizo nesta nova bianualidade 2026-2028 que está cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa FSE- Galicia 2021-2027. O devandito proceso facía posible, sempre que non houbese ningunha incidencia, que antes do 1 de novembro se coñecesen xa os resultados da selección e puidese dar comezo o servizo o día 2 deste mesmo mes con 5 profesionais como na etapa anterior. Estes prazos non se puideron cumprir por mor do recurso de reposición presentado polo sindicato CSIF contra as bases de selección, feito que fixo ampliar os mesmos e consecuentemente obrigar ao concello a suspender temporalmente o servizo por non chegar ao luns 2 de novembro co proceso de selección de profesionais rematado”, segundo indican dende o grupo de goberno quirogués.

Dita suspensión temporal, “allea ás nosas intencións, foille comunicada como procede tanto á Xunta de Galicia, concretamente á Dirección de Persoas con Discapacidade, como ás familias dos usuarios e usuarias actuais do Servizo de Atención Temperá”, prosegue o Concello.

Con todo, “dende a dirección do SAT e a Alcaldía do Concello de Quiroga pedimos publicamente desculpas polos posibles prexuízos que esta suspensión do servizo lles puidera ocasionar ás familias e desexámoslle un bo comezo do novo ciclo como usuarios e usuarias”.

Back to top button