O Concello de Rubiá vén de asinar coa Xunta de Galicia o convenio de acceso ao Fondo de Cooperación desta administración para rehabilitación de patrimonio construído, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou hoxe co alcalde, Elías Rodríguez Núñez, este acordo que supón a concesión dun préstamo sen xuros de 48.000€ para financiar a rehabilitación dun parque infantil en Quereño. No acto tamén estaba presente o tenente de alcalde de Rubiá, Ignacio Doce.
En concreto, entre as actuacións previstas figura a reparación do muro perimetral, a renovación do pavimento na área de xogos infantís, así como a rehabilitación e dotación de novos xogos infantís e de novo mobiliario urbano.
A través deste Fondo de Cooperación, a Xunta colabora cos concellos no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. Con cargo a este financiamento, os municipios poden acometer obras de conservación de inmobles da súa titularidade, adquirir outros novos para recuperalos ou mesmo urbanizar novos viarios previstos no planeamento municipal. A través do acordo asinado hoxe, o Concello accede a este préstamo sen xuros, que devolverá en 8 anos.