SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense, finalista nos XII Premios Somos Pacientes polo seu manual de atención a persoas trans

 

Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Hospital Universitario de Ourense vén de ser seleccionado como finalista nos XII Premios Somos Pacientes polo seu Manual de boas prácticas na atención sanitaria ás persoas trans, que resultou elixido entre as 42 candidaturas finalistas dunha convocatoria de ámbito estatal á que concorreron máis de cen iniciativas de hospitais e asociacións de pacientes de todo o Estado.

A proposta ourensá, promovida polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, é un dos seis proxectos seleccionados na modalidade de fomento da participación das persoas no sistema sociosanitario, dentro da categoría Sociedade, e que serán valorados por un xurado independente integrado por profesionais de distintos ámbitos da saúde.

Os premios promovidos pola plataforma Somos Pacientes recoñecen proxectos de asociacións de pacientes e de entidades públicas e privadas que melloran a atención, a calidade de vida ou a participación das persoas no sistema sanitario. Somos Pacientes é unha comunidade dixital de ámbito estatal e sen ánimo de lucro, impulsada pola Fundación Farmaindustria, na que participan 2084 asociacións de pacientes e de persoas con discapacidade de toda España.

Mellorar a atención ás persoas trans

O proxecto naceu en 2023 a partir da petición de profesionais do hospital que precisaban pautas para atender as persoas trans nas consultas e durante os ingresos. Na súa elaboración participaron profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, persoas usuarias, representantes de Apoyo Positivo Ourense e Euforia Familias Trans Aliadas, así como especialistas en sexoloxía, diversidade e dereito.

O manual é o primeiro elaborado nun centro sanitario público e ten recibido numerosas mostras de interese por parte doutros centros do país, na procura de desenvolver liñas de actuación neste eido. A guía diríxese ao persoal sanitario e non sanitario e inclúe un decálogo de consulta rápida.

Na listaxe de finalistas, na categoría á que concorre o proxecto ourensán, figuran centros hospitalarios de Madrid, Pamplona, Barcelona, Santander ou Córdoba, sendo o único representante de Galicia. O fallo do xurado darase a coñecer na entrega de premios, prevista para o vindeiro 1 de decembro, en Madrid.

 

Back to top button