En portadaÚltima hora

A Deputación de Ourense concede 167 axudas na súa primeira convocatoria para previr incendios e apoiar as explotacións agrarias

A nova liña, posta en marcha este ano e dotada con 200.000 euros, financia a compra de maquinaria para traballos como a limpeza de parcelas e a recuperación de soutos, así como a recollida e reciclaxe de plásticos agrícolas

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de 167 axudas por un importe total de 200.000 euros na primeira convocatoria provincial para a prevención de incendios forestais e o apoio ás explotacións agrícolas e gandeiras. A iniciativa, posta en marcha este ano, contribúe a financiar traballos que as explotacións realizan ao longo de todo o ano e que axudan a reducir a vexetación pola que se pode propagar o lume.

“Cando unha explotación mantén os pastos, limpa as parcelas ou recupera un souto, está a protexer tamén o territorio que a rodea. Ese traballo ten un custo para quen o fai e un beneficio para todos. Por iso puxemos en marcha esta convocatoria”, sinalou o presidente provincial, Luis Menor, na comparecencia posterior á sesión.

A maior parte dos fondos, 189.348 euros, repártese en 159 axudas para investimentos. Entre os equipamentos subvencionados figuran rozadoras e trituradoras que permiten controlar a vexetación en parcelas e zonas de pasto ou recuperar soutos abandonados. Os 10.652 euros restantes corresponden a oito axudas para gastos correntes de recollida, transporte e reciclaxe de plásticos agrícolas. O crédito sobrante desta última liña incorporouse á de investimentos, tal e como prevían as bases.

O acordo publicarase no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación. O prazo para xustificar as axudas remata o 20 de decembro.

 

 

Máis de 234.000 euros para catro concellos

No capítulo de cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou catro achegas por 234.734,56 euros. O Concello do Pereiro de Aguiar recibe 90.000 euros para melloras de eficiencia enerxética, mentres que o de Cenlle contará con 62.734,56 euros para cofinanciar a renovación das infraestruturas básicas da parroquia de Laias.

O Concello da Peroxa dispón dunha achega de 52.000 euros para a adquisición de vivendas e o de Allariz, de 30.000 euros para o Festival de Xardíns de 2026.

A sesión aprobou tamén dúas subvencións por un total de 15.000 euros. O Club Talariño recibe 10.000 euros para a Subida a Vilar de Barrio e a Escudería Viduedo, 5.000 euros para os gastos de funcionamento do club neste exercicio.

Coa convocatoria de prevención de incendios e as achegas municipais, as axudas aprobadas na sesión ascenden a 449.734,56 euros.

Back to top button