OurenseÚltima hora

Homenaxe en Ourense a Xabier Casares, protagonista da portada do número 23 da revista “Nós, a Xente do Redor”

 

A presentación do número 23 de Nós, a Xente do Redor reunía na mañá do domingo 22 de novembro a numeroso público no Salón Nobre do Liceo de Ourense. A cita combinou as voces dos autores coa música e a emoción dunha homenaxe, nunha xornada dedicada á cultura galega e ao encontro entre persoas.

Marina Sánchez conduciu a celebración, na que interviñeron autores e colaboradores da revista. O director, Avelino Jácome, abriu a súa reflexión “Dende a utopía da igualdade” cunha defensa da lingua galega, da convivencia e dunha cultura na que todas as persoas poidan atopar o seu lugar. “Non queremos ser máis ca ninguén. Queremos ser con todos”, afirmou.

 

 

A música acompañou distintos momentos do acto coa participación da Asociación Loureiro, Plácido Rozas, Armando González, Maxi Rodríguez e José Luis Troitiña. A interpretación do Himno de Galicia e do Himno de Nós, a Xente do Redor, xunto coa muiñeira colectiva, reforzou o carácter festivo e compartido da convocatoria.

Con todo, a homenaxe a Xabier Casares constituíu un dos instantes máis sentidos da mañá. O homenaxeado protagoniza a portada deste número, obra de Miguel Ángel Martínez Coello. Durante o recoñecemento, Avelino Jácome deu voz a unhas palabras que Ramón Loureiro lle dedicou, e a senadora Carmen Leyte Coello impúxolle a insignia de prata de Nós, a Xente do Redor.

 

 

Entre os asistentes institucionais estiveron Rosendo Fernández, en representación da Deputación de Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Juan Manuel Casares Gándara; e Carmen Leyte Coello, senadora.

Desde a organización trasladan o agradecemento ao Liceo de Ourense pola súa acollida, así como aos autores, intérpretes, artistas, institucións, colaboradores e ao público que fixeron posible unha celebración que volveu poñer en valor a cultura como vínculo colectivo. Porque Nós, a Xente do Redor, somos todos nós”, aseguran.

Fotos cedidas.

Back to top button