ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O alumnado da ESO protagoniza o acto central do 25N no Barco de Valdeorras

 

A loita contra a violencia machista comeza nos colexios, educando no respecto e na igualdade, destacaba a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, do manifesto do IES Lauro Olmo, por iso a mocidade, especialmente os alumnos da ESO, eran os protagonistas do acto central do programa do Barco polo 25N.

 

 

A concentración de repulsa contra a violencia de xénero celebrado na praza do Concello do Barco na mañá deste martes 25 de novembro Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, rendía  unha homenaxe especial ás vítimas deste ano. Facíao coa iluminación diante do Edificio Multiusos de 47 faroliños morados, un por cada vítima deste ano en España (unha delas en Galicia), e coa lectura dos manifestos preparados polos centros barquenses.

 

 

As primeiras eran dúas estudantes do IES Martaguisela que en nome do instituto “alzaban a voz polas mulleres que no seu momento non puideron facelo e tamén por aquelas ás que a súa situación non llelo permite hoxe”, baixo o amparo “de moitas outras que coma nós se atreveron a denunciar a violencia machista”. No turno do IES Lauro Olmo, as súas representantes aeguraban que se reunían para “lembrar, para denunciar e sobre todo para comprometernos. Reunímonos porque non queremos acostumarnos á violencia e porque non queremos que as vítimas se convirten en simples números nos informativos”.

 

 

No turno do colexio Divina Pastora, o alumnado de 4º da ESO tomaba a palabra para lembrar “ás mulleres que foron asasinadas e ás que viven con medo, ás súas fillas e aos seus fillos, ás súas familias e a todas as persoas ás que esta violencia lles cambiou a vida porque, detrás de cada noticia hai unha persoa con proxectos, amozades e ilusións, unha vida que merece liberdade, seguridade e respecto”.

 

 

O acto, que tivo que sorter á chuvia, comezaba cun minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero, incluía música, cos dúas fermosas cancións interpretadas ao teclado por Iria, estudante do Conservatorio do Barco e remataba coa lectura do manifesto institucional a cargo da concelleira de Turismo, Alba Rodríguez.

 

 

O texto íntegro deste manifesto institucional é o seguinte:

O 25 de novembro é unha data para lembrar, para recoñecer e, sobre todo, para comprometérmonos. Un día para alzar a voz contra todas as formas de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo e para reafirmar, colectivamente, que non imos dar nin un paso atrás na defensa dos seus dereitos e da súa liberdade.

Lembramos as mulleres ás que a violencia machista lles arrebatou a vida, as que viven sometidas ao medo, as que sofren agresións físicas, psicolóxicas, sexuais ou económicas, as que padecen o control, as ameazas e a humillación. Lembramos tamén os nenos e as nenas que sofren a violencia vicaria, utilizados como instrumentos para causar o maior dano posible ás súas nais.

Detrás de cada cifra hai unha vida, unha historia, unha familia e unha ausencia irreparable. Non podemos permitir que a violencia contra as mulleres se converta nunha realidade asumida, nunha noticia máis ou nun problema que só ocupa as nosas conversas un día ao ano.

A violencia machista non é un problema privado nin un conflito de parella. É unha violencia estrutural, que nace da desigualdade e dunha cultura que durante séculos situou as mulleres nunha posición de subordinación e que aínda hoxe alimenta actitudes de dominio, control e posesión sobre elas.

Por iso, combater a violencia machista significa tamén defender a igualdade real, educar no respecto, no consentimento e na liberdade, cuestionar os estereotipos e construír unha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo, pedir permiso para decidir sobre a súa vida ou renunciar á súa autonomía.

Nas últimas décadas, e sempre da man dos gobernos progresistas, o noso país construíu un sistema de protección e prevención da violencia de xénero que hoxe é un referente a nivel mundial. Un sistema froito do compromiso político e social, da loita do movemento feminista e do traballo de tantas persoas que entenderon que a violencia contra as mulleres require unha resposta pública integral, con leis, recursos, prevención, atención e protección para as vítimas.

Pero ningún destes avances está garantido para sempre.

Preocúpanos o avance dos discursos negacionistas que minimizan a violencia machista, cuestionan a súa existencia ou pretenden equiparala a outras formas de violencia para desdibuxar as súas causas. Discursos que contribúen a invisibilizar as vítimas, debilitan a resposta social e institucional e poñen en cuestión recursos e políticas públicas imprescindibles.

Non podemos permitir que a igualdade se converta nunha moeda de cambio político nin que a protección das mulleres dependa de quen goberne en cada momento. Os dereitos non se negocian. Os recursos que protexen as vítimas non se poden eliminar. A atención, a prevención e o acompañamento deben estar garantidos en todo momento.

Desde O Barco de Valdeorras tamén temos unha responsabilidade colectiva. Como concello, como comunidade e como veciñanza, debemos contribuír á construción dun municipio libre de violencia machista. Isto require manter e reforzar os recursos de atención, impulsar a prevención e a sensibilización, apoiar as persoas que sofren violencia e garantir que ningunha muller se sinta soa nin desprotexida.

Necesitamos institucións comprometidas, servizos públicos fortes, profesionais con formación especializada e coordinación entre os ámbitos sociais, sanitarios, educativos, policiais e xudiciais. Pero tamén precisamos unha cidadanía activa, que non mire cara a outro lado ante unha situación de violencia, que non xustifique comportamentos machistas e que non garde silencio ante as inxustizas.

A loita contra a violencia machista é unha tarefa de toda a sociedade. Non abonda con condenar as agresións cando xa se produciron: hai que traballar para evitalas, identificar os primeiros sinais de control e dominación e educar as novas xeracións en relacións baseadas na igualdade, no respecto e na liberdade.

Este 25 de novembro queremos expresar o noso recoñecemento ás vítimas e ás súas familias, ás mulleres que conseguiron saír da violencia, ás que están dando ese paso e a todas as persoas e colectivos que as acompañan. Queremos recoñecer especialmente o labor do movemento feminista, que foi e continúa a ser imprescindible para conquistar dereitos, denunciar retrocesos e manter viva a reivindicación dunha sociedade máis xusta.

Hoxe, os grupos políticos do Concello do Barco reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo; na que ningunha vítima sexa cuestionada; na que todas poidan exercer os seus dereitos con plena liberdade e na que a igualdade non sexa unha aspiración, senón unha realidade. Porque non hai democracia plena sen igualdade.

Porque non hai liberdade mentres exista violencia machista. Porque os dereitos das mulleres son dereitos humanos e non admiten retrocesos.

Nin unha máis. Nin un paso atrás

Pola igualdade, pola liberdade e por unha vida libre de violencia para todas as mulleres

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button