As obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que comezaban no pasado mes de xuño, eran visitadas pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na mañá do 3 de setembro. Ao longo destes meses construíuse e púxose en marcha o novo aparcadoiro de persoal e instaláronse e conectáronse os módulos da zona de administración e dirección de obras.
Procedeuse asemade, segundo se informa dende o Sergas, á apertura dun novo vial de acceso ao heliporto e á instalación e conexión dos módulos provisionais de persoal, que acollen aos Servizos de Aprovisionamentos, Contabilidade, Calidade, Investigación, Docencia, Subdirección de Sistemas de Información, Fundación Biomédica Galicia Sur, Xestión de Axendas e Servizo Técnicos de Obras.
Nestes momentos estanse a desenvolver os traballos de escavación necesarios para acadar o nivel máximo inferior de cimentación da estrutura. Ademais das escavacións, están en marcha as actuacións relacionadas co traslado da Central de Gases; a apertura da nova entrada na fachada sur para a construción dun molle provisional de carga e descarga de subministros; e o derribo interior do Edificio Administrativo.
Durante o seu percorrido polas obras a conselleira estivo acompañada pola xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez; e pola directora de Recursos Económicos do Sergas, Lourdes Vilachán; entre outras autoridades.