CulturaCulturaÚltima hora

O novo espectáculo infantil de Sarabela, en Celanova

A compañía ourensá, estreará “O último dragón” no auditorio Ilduara o 9 de novembro ás 18h.
Presentación do novo espectáculo infantil de Sarabela, en Ourense.
Presentación do novo espectáculo infantil de Sarabela, en Ourense.

O vindeiro domingo 9 de novembro, a compañía ourensá Sarabela Teatro, presentará en Celanova o seu novo espectáculo infantil “O último dragón”. Será nunha única función, ás 18h. no auditorio municipal Ilduara e para dalo a coñecer, na mañá do venres 7 de novembro, a creadora e directora da obra Fina Calleja, acompañada do alcalde de Celanova, José Luís Ferro, e parte do elenco, daban unha rolda de prensa no centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

Segundo destacou a súa directora na presentación, “O último dragón” é unha produción realizada integramente pola compañía teatral, sen recibir apoio público ningún, porque “malia á dificultade dos tempos, nós non queremos deixarnos levar por un decaemento da nosa actividade e queremos seguir mirando para adiante, porque seguimos crendo na necesidade da presenza do teatro na sociedade e aínda máis na presenza do teatro ante o público infantil”.

Fina Calleja asegurou que na búsqueda de textos para poder transformar en representacións escénicas “para todo o grupo foi un descubrimento a autora inglesa Edith Nesbit, así como o galés Kenneth Grahame”, os cales serviron de inspiración para esta obra que pretende “ofrecer unha reflexión sobre moitos aspectos sociais deste noso país, aínda que transformados nunha linguaxe que non é só acaída para o público infantil, senón para o público familiar”, facendo así unha chamada ó público da propia cidade de Ourense, co fin de que a súa presencia nun auditorio de fóra da capital non constitúa un impedimento “senón un atractivo engadido para levar aos seus fillos e fillas ao teatro” concluía Calleja.

Artigos relacionados

Back to top button