Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima horaVídeos

A 16º Andaina & Trail de Outono reunirá esta fin de semana a uns 300 participantes no Barco

O trail celebrarase mañá a partir das 9:30 horas e a andaina o domingo, con saída ámbolos dous días dende o Malecón do Barco

 

Esta fin de semana, os amantes do deporte e da natureza teñen unha cita no Barco de Valdeorras. A Andaina & Trail de Outono, organizada polo Club Peña Trevinca Barco en colaboración co Concello, celebra a 16 edición, mantendo o percorrido inicial entre castiñeiros e zonas verdes malia estar queimados tralo incendio do mes de xullo, lugares como Salgueiral e percorrendo localidades afectadas polo lume como Vales, Cesures, Fervenza, Meiral, Santa Mariña  Santigoso, Alixo ou Viloira. “É a nosa forma de lembrar o que pasou”, aseguraba o presidente do Club Miguel de la Cal na presentación da dobre proba, que tiña lugar no Malecón do Barco, acompañado polo alcalde, Alfredo García e polo concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso.

Precisamente o malecón barquense, á beira do río Sil, será o punto de partida para o Trail-Carreira por Montaña mañá sábado 12 de novembro, con dúas distancias: un trail longo duns 27 km que sairá ás 9:30 horas e un curto duns 17 km, con saída ás 10. E xa o domingo día 13 será a quenda da outra  proba, a andaina Incluída no calendario da Copa Galega de Andainas, con dúas posibles distancias: o percorrido oficial de 25 km e o popular de 15, con saída ás 9 horas.

 

 

Con respecto ás participación, de la Cal adiantou que no trail hai 50 atletas inscritos e na andaina 256, chegados dende diferentes partes de Galicia xa que forma parte dunha especie de liga galega de andainas. “Temos en total unhas 300 persoas de Camariñas, de Noia, de Rianxo, da Coruña, de Lalín,… que seguramente virán con acompañantes”, di o presidente do Peña Trevinca que participa nesta liga.

As dorsais comezarán a entregarse ás 8:30 horas nun local preto da saída e ao rematar, cada participante recibirá un vale para xantar que se celebrará no propio malecón e a camiseta conmemorativa.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button